Palacio de Lestrobe, Palacio Arcebispal de Lestrobe, O Palacio, Pazo de Lestrobe ou Pazo do Anxo da Garda

Lugar lugar de Lestrobe.
Parroquia Santa Mª de Dodro
Construción Pazo do século XVI

Imaxe do pazo


Descrición

Construído pola familia Quiroga, antiga casa soarega da Diocese de Lugo, e, a partir de mediados do século XVIII, antiga residencia de descanso dos arcebispos composteláns, con escudo cos emblemas episcopais.

No século XVIII, o pazo foi obxecto de sucesivas remodelacións por parte da Igrexa, quen o adquiriu (entre 1751 e 1772), xunto coa capela e os terreos, por permuta de bens e de rendas patrimoniais, sendo a súa arquitectura actual do tipo barroco compostelán. A Capela do Anxo da Guarda e a magnífica fonte barroca da entrada, cunha pía e tres alturas coroada coa figura de Santiago Peregrino, foron construídas, así mesmo, na segunda metade do século XVIII polo Arcebispo Felipe Fernández Vallejo. No ano 1855, coa desamortización de Mendizábal, o pazo e as súas pertenzas foron mercados polo madrileño Bernardo Arbizu. Xa no século XX o atopamos en mans de Manuel Lorenzo del Río, veciño de Padrón, quen, en 1916, llo volve a deixar en testamento á mitra compostelán baixo unha serie de condicións. Xa máis recentemente, no ano 2005, foi restaurado, sendo na actualidade un hotel de catro estrelas, con pombal, hórreo e rodeado dunha grande finca duns 7000 m2

O edificio, de gran envergadura, presenta planta en U, cunha longa fachada principal totalmente simétrica e moi harmoniosa, resaltando portas e fiestras con molduras barrocas. A capela, con advocación ó Anxo da Garda, é visible nun lateral, no interior da cal gárdase unha importante talla a tamaño natural da Dolorosa, obra do escultor Ferreiro. O patio está pechado por altos muros, e conta con diversas dependencias auxiliares. O conxunto aparece rodeado dunha grande finca con emparrados, árbores froiteiras e unha grande extensión forestal. Actualmente celébrase na capela e no patio fronte o pazo a festa dos Aflixidos, no mes de agosto