Perdeuse a palabra devesa na lingua oral pero pervive en topónimos e microtopónimos por Galicia enteira, proba do uso e da importancia que tiveron estas terras acoutadas e cercadas, de uso comunal. Devesa é terra defensa, vedada, do latín DEFENDERE, ‘defender’, excluír. Terras ou herdades cerradas, para pasto do gando ou plantadas de arboredo para producir madeira. O dicionario de Eladio Rodríguez distingue “debesa boieira” na que se manteñen os bois e “debesa potril”, para criar os poldros.
Moitas das antigas devesas desde fins da Idade Media pasaron a ser de propiedade real, prohibíndose nelas a corta de madeira, que se reservaba para a construción dos barcos da armada e, desde o século XIX, para as travesas do ferrocarril. Un barco de guerra precisaba de douscentos carballos centenarios e a madeira tiña que botar máis dun ano a curar afundida no mar antes de cortala en táboas. O campesiñado viña obrigado a repoboar as devesas e a coidalas e todos os bosques galaicos estaban supeditados a elas. Os chamados Xuíces das Devesas eran os encargados de vixiar que se cumprira a lei. Tan só nas cinco provincias costeiras galegas había 720 devesas e cotos reais (González López, 1970). A nosa devesa principal é A Devesa dos Mouchos que dá nome a unha das aldeas da parroquia de San Xoán de Imo, pero hai outras: O Agro da Devesa en Manselle, O Campo da Devesa en Lestrobe, A Devesa da Veiga en Traxeito, As Devesas en Pexegueiro, A Devesa en Teaio e en Imo, A Devesa dos de Resúa en Bexo e O Agro da Devesa en Bustelo.