O substantivo eira formouse a partir do latín AREA, ‘espazo libre, superficie plana’. Na Terra de Iria, as eiras adoitan ser espazos abertos do común, empedrados ás veces, pero case sempre de terra, onde se concentran as rúas da aldea. Arredor das eiras hai hórreos para gardar o gran. Todas as aldeas as teñen pero algunhas casas tiñan eiras en propiedade. Eiró, do latín AREOLA (eiroa), diminutivo de area, eira pequena, é o nome dunha das nosas aldeas, na parroquia de San Xián de Laíño. Xulia Marqués en A toponimia de Trabada fai derivar eiro de AGRUM, ‘campo’, ‘terra labradía’. A Fonte de Eiró está arriba do Cruceiro de Gradín. Trala Eira, A Eira de Mateo, A Eira das Pías, A Eira da Malla, A Eira dos Mouros, A Eira das Murallas, Sueiras e Cabodeiras están en Bexo. A Eira, A Eira de Ramón de Jesús, A Eira dos Tobíos, A Eira dos do Campo e O Campo das Eiras son de Bustelo. A Eira de Baixo e A Eira de Riba son de Teaio. A Leira da Eira e Tras da Eira pertencen á Devesa. A Eira e A Eira do Hórreo quedan no medio de Tarrío. Suaseiras e A Eira da Malla son de Reboiras. Hai en Eiró A Eira Vella e A Eiriña, que tamén é topónimo de Pexegueiro. Na Aldea da Igrexa temos A Eira de Lucas e A Eira Vella. A Eira de Baixo é do Rialiño. Tamén hai A Eira de Baixo, A Eira Vella e A Eira de Nuno (Méndez Ferrín, no Consultorio dos Nomes e dos Apelidos galegos , explica que Nuno é corrente na documentación medieval galega e que se formaría desde unha palabra romance NUNNU, de carácter afectivo, ou propia da linguaxe dos nenos) en Traxeito. A Eira das Cabanas, A Eira Vella e A Eira de Riba están en Imo. A Eira de Riba, A Eira de Baixo (na que se celebraba a festa de San Roque), A Eira da Menor, A Eira de Roquiño e A Eiriña da Ardeira (sinónimo de arteira: ‘habelenciosa’, ‘astuta’) son de Castro. A Eira de Riba e A Eira de Baixo hainas en Sar. As Eiras son de Vigo e A Eira de Revixós. “Vou polas eiras cantando vendo donda ven o vento” dinos Rosalía, que debeu de andar polas nosas vendo de onde o vento viña. Por que outras, senón?