Os topónimos coas terminacións en “ – obre, – abre, – obe” (Bañobre, Xiabre, O Grove…), xa citados polo Padre Sarmiento, foron estudados por Menéndez Pidal e Abelardo Moralejo entre outros. Hai unha extensa análise na obra de Francisco Villar Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana. Aínda que se segue a debater sobre o asunto (Untermann, 2007), admítese actualmente que os citados nomes procedan do tema celtibérico BRIG, ‘poboado fortificado situado nun outeiro’ (relacionado con outros radicais próximos: BRIS, BRIGA, BURG…) equivalente ó OPPIDUM dos romanos. Enriba de Lestrobe existía un vello castro do que falou Murguía en El arte en Santiago, obra asinada no lugar en 1874. Como xa comentamos ( vid. Castro), probablemente Lestrobe foi unha villae romana, a carón da gran civitas iriense. Despois, sobre A Torre Alta das Ameas medievais (Martínez Barbeito, 1986) debéronse erguer as de Hermida. Para Blanca M. Prósper, no seu libro Lenguas y religiones prerromanas del occidente de la Península Ibérica , o lexema toponímico procedería do bretón lestr, ‘barco’, pero admítese con máis probabilidade (Moralejo, 1977 e outros) a referencia á lesta ou grama de olor (Anthoxathum odoratum) presente noutros topónimos próximos: Lestido, Lestedo… A Veiga de Lestrobe arrecende na ceifa a cumarina, lesta, herba recén segada. Sarmiento dinos que a planta se poñía entre a roupa contra a couza e para perfumala, que lle daba un sabor singular ó tabaco e que se botaba no chan das igrexas.
Se ben as vacilacións son constantes, escribimos o topónimo con “B”, Lestrobe, tal como aparece no Nomenclátor e nos documentos máis antigos que coñecemos. Están nos fondos do Mosteiro de Oseira do Archivo Histórico Nacional (Romaní Martínez, M. e Otero Piñeiro, Pablo S., 2007). Son tres escrituras de finais do século XI, cando xa a sé episcopal se trasladara a Compostela pero aínda se refiren todos á Sé Iriense, secundaria daquela. Lestrobe pertencía nese momento á parroquia de Santiago de Padrón, non a Dodro. En 1074 e 1085 Sisnando e a súa dona Sontra venden terras “in villa Lestober territorio Iriense sedis” (no segundo documento, figura como Lestrobe) e nun escrito do ano 1098, Rodrigo Geulaz vende tamén propiedades en diferentes lugares de Lestrobe. En 1204 Dona Guntroda Arias de Padrón manda que a enterren no Mosteiro de San Martiño Pinario e déixalle entre outros bens a súa herdade de Lestrobe (Colección Diplomática Galicia Histórica , 1901). Nos pergameos da Serie de Bens do Arquivo Universitario, nun documento de 1284, cítase un tal “Boubea de Lestrobe” e noutro de 1330 a “Gonçalvo Fernandez de Lestrobe, scudeiro”. Francisco Eanes, que morreu 1374 era sobriño do poeta Juan Rodríguez del Padrón e tiña casal en Lestrobe. En 1445 Pedro Bermúdez de Montaos déixalle á súa dona Leonor de Castro as súas herdades no Couto de Lestrobe (Rubio Martínez, 2008). No Tumbo de Iria (López Alsina, 2004), de mediados do século XV, establécese que a igrexa de Iria “ouvese o dezemo da quinta de Lestrove”.
De Lestrobe era Luís Aguirre del Río o autor do primeiro dicionario galego no ano 1858 (Diccionario del Dialecto Gallego), pois cando o de F. X. Rodríguez saíu ó prelo en 1863 xa estaba aquel rematado e encadernado, aínda que non chegou a ver a luz. Publicouse agora recentemente grazas ás follas que custodiaba o bibliófilo Justo Cortizo, quen tamén se encargou da edición das súas poesías completas en castelán, en colaboración con Avelino Abuín de Tembra. De Fortunato Cruces xa falamos antes ( vid. as voces Angueira e Liño). Filla de emigrantes de Lestrobe na Arxentina, foi a actriz e locutora de radio Maruxa Boga, que entrevistou a Castelao no exilio. No Piñón de Lestrobe tivo alfar Hipólito Castaño, oleiro de renome, continuador da tradición da Cerámica Celta de Cesures. Dinos Borobó en O novelo dos anacos que Lestrobe foi viveiro de barbeiros e de músicos con bandas coma a do Silleiro ou a do Carrandán que non esqueceron os veciños. Hai unha foto dun orfeón da vila no Almanaque de Galicia de 1909. Trataremos de reflexar, en diferentes lugares destas páxinas, o que Lestrobe foi para Rosalía, pero quizais é o título dun artigo que Sebastián Risco publicou na Galicia Emigrante de Luís Seoane, “Pouso en Lestrobe”, no que se falaba da chuvia, da paisaxe, da saudade o que mellor resume o que queremos … expresar. Un pouso, iso foi Lestrobe para ela: un pousadoiro, no que descansar da súa axitada existencia. “Malia tan tristes mudanzas, consecuencia dos incesantes cambios da vida e do inflexible paso do tempo, Lestrove segue sendo un lugar onde se goza dunha alegría e sosego incomparables ” (Rosalía de Castro: Padrón y las inundaciones. Asinado en Lestrove en 188