Como Rial da Lagoa, cítase no padre Sarmiento, dándolle nome a unha das aldeas de San Xián de Laíño, á beira do río de Manselle. O Rialiño é tamén aldea da parte alta da mesma parroquia, a carón do río que ha ser de Vigo ou de San Lufo. Está sen artigo no Nomenclátor. Debe levalo. O Rial, O Agro de Rial, O Río do Rial, O Pozo do Rial, O Muíño do Rial e O Rialiño están en Bexo; Riais en Pexegueiro, á esquerda do río, e Surrial, abaixo de Rial de Lagoa, que é como lle chamaron as nosas xentes. En xeral interprétanse estes topónimos como derivados de RIVU, ‘río’. O significado primitivo de RIVALE era o de “persoa que loita polas augas dun río” pasando despois a significar ‘rival, adversario’. Aguirre fine rial como ‘lugar en onde se orixinan moitos ríos e regatos’. Por último hai aínda un grupo menor de lingüistas que se deciden polo latino REGALE, ‘o do rei’, para distinguir os terreos de señorío real ou de reguengo dos que serían propiedade dos señores.