Seguramente proceden os dous nomes do latino TRAIECTUS, ‘paso, travesía’. Treita e treitoiro, tanto en galego coma en portugués son camiños estreitos. O Treito, que está no alto de Bustelo, é paso natural, encrucillada na que se encontran catro concellos: Dodro, Rois, Lousame e Rianxo. Quadruvium. Desde estes montes de Dodro e polos cumes venteados do Confurco e do Barbanza, ata a beira do mar, andan as vacas bravas e os cabalos ceibos da estirpe dos de Ardanlier. Hai foliada no Treito,/que a fan as bestas bravas/coa punta do rabo ergueito. Treitar é voz que se usa aínda para marcar unha liña ou treita na estrema cando se empeza a sementar. Habería que considerar tamén a opinión de Xulia Marqués que, en A Toponimia de Trabada, trae treita desde TRACTA, ‘arrastear’, ‘tirar’, e no dicionario de Aníbal Otero, a treita é o camiño que marcan as cousas ó arrastralas monte abaixo. No Vocabulario de Crespo Pozo dinos que traxeito significou ‘traballo’ en galego arcaico. Traxeito é o nome dunha das aldeas de riba de San Xián de Laíño, pola que se cruza desde as terras de Rois ata Laíño e ó lado dela O Portancho, porto ancho que xa vimos. Cítase na visita que o cardeal Gerónimo del Hoyo fixo por estas terras en 1606.
A propósito da igrexa de San Xián di que “tiene más la dicha fábrica quinze ferrados de pan mediado por la terçia parte del lugar de Trageito”. No informe de Patrimonio fálase da dimensión xenerosa das vivendas e do seu carácter homoxéneo con bós traballos de canteiro nalgúns hórreos e nas columnas que sustentan algunhas galerías. En Traxeito, na Casa das Portas, arredor dun espazo acondicionado no muro sur que debía cobixar algunha imaxe, hai labradas varias figuras en baixorrelevo: en cada lateral vemos unha cruz patada inscrita nun círculo, na pedra da esquerda hai trazada unha ave que semella un pavo real, símbolo da inmortalidade e da resurrección (San Agustín: A Cidade de Deus) e no lintel, por debaixo dunha representación esquemática dunha cabeza humana, aparecen unha media lúa e unha vieira. Foron estes os emblemas do escudo do arcebispo Rodrigo de Luna e están no seu sartego de Iria e na porta traseira da Capela do Santiaguiño do Monte. Desde o Santiaguiño a Traxeito hai un camiño polo monte de pouco máis de dous kilómetros. Non sabemos a que viría aquí o prelado, se viña, e para que usaría esta Casa das Portas de Traxeito. En Padrón refuxiouse longas tempadas das trifulcas coa Casa de Altamira. A súa vida non parece que fora moi edificante, por máis que a defendera con paixón o ilustre López Ferreiro. “Y entre otras cosas asaz feas que este arçobispo avía cometido, acaesció que estando una novia en el tálamo para celebrar las bodas con su marido, él la mandó tomar y la tuvo consigo toda una noche”, relátanos Diego de Valera, cronista do século XV, contemporáneo dos sucesos, pero segue aparecendo o rumor no Padre Mariana e noutros autores posteriores. O feito ocasionou unha verdadeira revolta popular que obrigou a fuxir ó arcebispo. Escríbese dela na Crónica de Santa María de Iria de Rui Vasques. A súa morte en 1460 no castelo da Rocha Blanca na Arretén acaeceu en circunstancias nunca explicadas.