CRUCEIRO DE GRANDÍN OU DAS ESCURAS.
Lugar: Nunha beira da estrada Bexo-Bures, a 1 Km. de núcleo de Bexo. No cruce entre a estrada AC-305 (antigo Camiño Real) e a pista que vai para a igrexa parroquial. Ademais, este cruceiro separa Bexo de Arriba de Bexo de Abaixo.
Denominación: CRUCEIRO 1 DE BEXO / CRUCEIRO DE GRANDÍN OU DAS ESCURAS
Historia:
Ten máis de 100 anos (de finais do século XIX-principios do XX).
O cortexo fúnebre paraba ó pasar diante para rezar unha oración polo defunto. Relacionado con visións da Santa Compaña e co famoso bandido Xanquinto. Actualmente aínda se ven restos de devoción nas grades (tarro con flores e cirio abandonados).
CRUCEIRO DE IGNACIO
Lugar: Situado no campo da festa, ó lado da igrexa parroquial.
Denominación: CRUCEIRO 2 DE BEXO / CRUCEIRO DE IGNACIO
Historia:
Ten máis de 100 anos (de finais do século XIX-principios do XX). Feito polo veciño desa aldea D. Ignacio Rei. Parece que a cruz non é a orixinal, atopándose esta no cruceiro do adro da igrexa parroquial de San Xoán (o cura párroco decidiu cambialas pois lle gustaba máis o orixinal de Ignacio), sendo éste o que tiña antes o da igrexa parroquial.
CRUZ DE CHAN DE VIÑA
Lugar: Na praza coñecida como Chan de Viña, en Bexo de Abaixo.
Denominación: CRUCEIRO 3 DE BEXO / CRUZ DE CHAN DE VIÑA
Historia:
Ten máis de 100 anos (de finais do século XIX-principios do XX). Os veciños lembran esta cruz de toda a vida.
Os veciños paraban diante desta cruz nos enterros para rezar un Nosopai. A continuación, de camiño á igrexa parroquial, paraban na cruz da Capela, no cruceiro das Escuras, no cruceiro de Ignacio, e aínda había outro cruceiro no que paraban, o de Sabela, hoxe desaparecido.
CRUCEIRO DE ALFREDO
Lugar: Atópase xunto ó hórreo 4 de Bustelo, nunha pequena praciña con chan de cemento, no ángulo SW da aldea.
Denominación: CRUCEIRO 2 DE BUSTELO / CRUCEIRO DE ALFREDO
Historia:
segundo os veciños, trátase dun cruceiro moi antigo, de máis de cen anos. A súa localización débese a que ese era o camiño polo que pasaban os veciños para ir ou vir de Rianxo, concello ó que antigamente pertencía este lugar. Posteriormente, pasaron a ir a Laíño, polo que se fixo o cruceiro e peto de ánimas no alto da aldea (cruceiro 1 de Bustelo).
CRUCEIRO E PETO DE ÁNIMAS DE BUSTELO
Lugar: No centro de dous camiños dentro do núcleo.Bustelo
Denominación: CRUCEIRO 1 DE BUSTELO / CRUCEIRO E PETO DE ÁNIMAS DE BUSTELO
Historia:
Tanto o peto como o cruceiro datan do ano 1893. O peto non tiña ningunha lenda, pero o cruceiro amósase profusamente epigrafado, presentando unha lenda na que aparecen nomeados os sete homes que prometeron, antes de partir a Cuba, construír un cruceiro na súa aldea se todo lles ía ben. O cruceiro foi feito polo vello santeiro de Chave (Lousame) Andrés Castaño, ó que lle pagaron dezaseis onzas de ouro. Tróuxose dende Noia en dous carros de bois.
No recinto que rodea este elemento se enterraban antes ós nenos sen bautizar, así como os abortos habidos na aldea. O último neno soterrouse haberá uns 75 anos. Aínda que esta tradición de soterrar as ánimas inocentes dos prematuros arredor das cruces e cruceiros non era excepcional en Galicia, son moi poucos os escritos que a recollen. O cortexo fúnebre paraba diante.
CRUZ DE ABELÁN OU DABELAŃ
Lugar: No lugar de Avelán da Cruz, no Monte Padronelo. No cruce dos camiños que van a Teaio, Bustelo e A Devesa, antiga encrucillada, punto que separa as aldeas do monte e as do val. Por aquí discorría o Camiño Real que ía de Santiago a Rianxo pasando pola venta da Chisca e polo río da Vexa (Bexo). Descríbeo o Padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia de 1754 e despois Lucas Labrada en 1804, explicando que a estrada era tan mala que nin cos maiores gastos se faría transitable.
Denominación: CRUZ DE AVELÁN/ CRUZ DE ABELÁN OU DABELAŃ
Historia:
Historia.- Finais do século XVII (1672). O nome de Cruz de Abelán ou Dabelán, segundo Clodio González Pérez (2001: 452), parece que puidera vir da existencia, en tempos pasados, de abelás ou abeleiras no monte, moi abundantes antigamente nestas terras. Tamén apunta como posible o mesmo autor que onde está o cruceiro ou preto del existise un vello abelá. Os cruceiros de capela son moi escasos en Galicia, cinguíndose exclusivamente a unha pequena parte da provincia da Coruña (concellos de Ames, Brión, Boiro, Dodro, Lousame, Ribeira, Rois, etc.), sendo este exemplar de Dodro, o único que existe no concello, de especial interese por estar datado: 1672. Polo ano da súa feitura é o cruceiro de ánimas non só máis antigo da provincia da Coruña senón de Galicia enteira (FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ: 1997, p.35). O problema é que non se pode demostrar que fose, efectivamente, algunha vez un peto de ánimas auténtico, por non aparecer estas citadas no epígrafe e non conserva-lo retablo das ánimas no purgatorio nos dous pequenos fornelos.
Queda no camiño sacramental tanto para ir á igrexa de San Xoán (actual parroquial) como antes para ir a de San Xián, por onde había que pasar cos defuntos das aldeas da Devesa, Bustelo e Teaio. Diante paraban as comitivas fúnebres, aproveitando para descansar ou para cambiar de portantes do cadaleito. Mentres tanto, o crego rezaba as oracións. Así mesmo, conta a tradición que ó seu redor se enterraban ó nenos que nacían mortos ou que morrían sen bautizar. O lugar é axeitado para situar aparicións de almas en pena e da Santa Compaña, polo que as persoas maiores aínda lle gardan moito respecto a este cruceiro. Na capela os paisanos deixaban unha fornada de pan ou de millo ou unha empanada, sempre produtos de comer, coa crenza de que as ánimas ían e viñan dende a casa onde viviran ata o cemiterio, para que tivesen comida. Finalmente, sinalar que en torno á cruz celebrábase unha tradicional romaría, a Romaría da Cruz do Avelán, o primeiro de maio. recuperada no 1990 polos veciños de San Xoán.
CRUCEIRO DA VEIGA
Lugar: No cruce da estrada AC-305 coas estradas que levan a Imo e a Castro. Por tanto, cruce de 3 camiños. É visible a carón da referida estrada AC-305.
Denominación: CRUCEIRO 2 DE IMO / CRUCEIRO DA VEIGA.
Historia:
O conxunto é moi antigo, ten máis de cen anos, con excepción da columna, que foi posta de novo. Debeu de perder a antiga columna que tiña porque os veciños lémbranse de ver a cruz directamente sobre o pedestal. Parece que foi desprazado uns poucos metros ó Leste con respecto á súa implantación orixinal, cando foi da concentración parcelaria.
Sinaliza un cruce de camiños. O cortexo fúnebre paraba diante e rezábase unha oración polo defunto.
CRUCEIRO DO ADRO DA IGREXA
DE SAN XOÁN DE LAÍÑO
Lugar: Situado no adro da igrexa parroquial, nun lateral da mesma.
Denominación: CRUCEIRO 1 DE IMO / CRUCEIRO DO ADRO DA IGREXA DE SAN XOÁN DE LAÍÑO
Historia:
Ten máis de 100 anos a cruz e o capitel, mentres que o fuste, a basa e a plataforma son máis recentes, froito dunha restauración.
CRUCEIRO DA ARREGAÑADA
Lugar: Ó borde dunha pista, nunha finca .Teaio
Denominación: CRUCEIRO 1 DE TEAIO / CRUCEIRO DA ARREGAÑADA
Historia:
segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, tería máis de 100 anos.
O cortexo fúnebre parábase ó pasar para rezar unha oración polo defunto. Camiño sacramental en desuso dende hai uns 30 anos. Parece que aquí tamén enterraban ós nenos sen bautizar.
CRUCEIRO DA ESCOLA DE TEAIO/
CRUCEIRO DO CAMPO DA BRAÑIÑA
Lugar: Localízase na fachada da escola, nun cruce de camiños, zona axardinada.Traxeito
Denominación: CRUCEIRO 2 DE TEAIO / CRUCEIRO DA ESCOLA DE TEAIO/ CRUCEIRO DO CAMPO DA BRAÑIÑA
Historia:
segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, tería máis de 100 anos. Este cruceiro localizábase orixinalmente no extremo occidental da aldea, na zona coñecida como Naval.
CRUCEIRO DE BOTAFAL/ CRUCEIRO DA VEIGA
Lugar: No encontro de dous camiños, na beira da rúa que atravesa o núcleo.
Denominación: CRUCEIRO 3 DE TEAIO / CRUCEIRO DE BOTAFAL/ CRUCEIRO DA VEIGA
Historia:
segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, tería máis de 100 anos. Segundo nos comentaron os veciños, hai uns 3 meses un coche ou tractor chocou co cruceiro e moveu a cruz, a cal foi retirada polo Concello para a súa restauración. Unha veciña comentounos tamén que pensaba que este cruceiro estaba situada antigamente nunha pista ó lado da actual escola, sendo coñecido como o cruceiro da Canle, o cal foi cambiado de sitio.
CRUCEIRO DA CAPILLA
Lugar: Nun cruce de camiños entre o rural e o núcleo de Teaio.
Denominación: CRUCEIRO 4 DE TEAIO/ CRUCEIRO DA CAPILLA
Historia:
segundo a ficha do Inventario de Patrimonio, tería máis de 100 anos. Parece que neste punto existía antigamente unha capela, a de San Martiño, actualmente desaparecida. O cortexo fúnebre parábase ó pasar para rezar unha oración polo defunto.