Pazo de Hermida, Torres de Hermida, Torres de Lestrobe ou A Dormida

Lugar lugar de Lestrobe
Parroquia Santa Mª de Dodro
Construción fundado en 1614 sobre dúas antigas torres defensivas medievais da ría de Arousa

Imaxe do pazo


Descrición

Non se sabe exactamente cando se construíron as torres pero cóidase que poden ser da época aproximada das Torres do Oeste, no mandato do bispo Cresconio, sendo a súa finalidade a de defender o territorio das incursións dos normandos e demais invasores. Algún autor refire o feito de que nesas torres viviron os bispos Cresconio e, posteriormente, Xelmírez

En 1024 Afonso V de León cede estas torres ó arcebispo compostelán Diego Xelmírez, manténdose en mans da igrexa ata o século XV, momento no que as compra Don Bernardo de Luaces Bolaño, fidalgo de Mondoñedo e cidadán de Compostela, sendo o seu fillo Xácome o fundador do morgado, e quen reconstrúe as torres e as une cun corredor. Dende finais do século XVII está vinculado á familia dos Hermida. Este edificio está moi vencellado á figura de Rosalía de Castro (emparentada coa familia dos Hermida), quen pasou longas tempadas nel xunto ó seu marido Murguía; nel tivo ós seu fillos xémeos e escribiu algunha das súas obras e poemas (como por exemplo Padrón y las inundaciones), estando incluído na Ruta Rosaliana. Algúns autores refiren a posibilidade de que Jovellanos (político ilustrado español da segunda metade do século XVIII-principios do século XIX) veranease tamén neste pazo. Así mesmo, este edificio destaca por ser o lugar onde se firmou o coñecido Pacto de Lestrobe no ano 1930, no que se asina a alianza das distintas forzas republicanas galegas non nacionalistas (FRG), co obxectivo da implantación da República en España. No pazo consérvase o pergamiño coa bandeira galega e o anagrama da república, así como a mesa onde se firmou. Entre 1940 e 1990 as torres estiveron coidadas e as terras continuaron a ser traballadas polos caseiros, pasando a estar abandonadas entre 1990 e 1997. A finais da década dos noventa do século pasado a súa propietaria, Marina Váquez, restaurou o pazo e o converteu nunha casa de turismo rural

Atópase na ladeira do Monte San Gregorio, cunha boa vista de Padrón e do val. A fachada principal presenta un corpo central con dúas torres de planta cuadrangular en cada extremo; cara á parte posterior desenvólvese con forma de L que xorde como resultado de engadidos a unha estrutura arquitectónica que, nun principio, debeu ser rectangular. Na parte superior estaban as cociñas, os cuartos, a biblioteca e dende alí accedíase a finca por unha fermosa solaina que aínda hoxe existe. Abaixo estaba o lagar e as cortes dos cabalos. Accedíase o primeiro andar por un patín que estaba na fachada principal. Tamén se conserva un patio interior (patio de armas) onde nunha parede se esculpiu o escudo brasonado con seis carteis cos emblemas, entre outros, dos Luaces, Mosquera e Bermúdez.

Antigamente contaba cunha capela, a de Santo Antón de Padua, actualmente reaproveitada para estancia da casa rural. Está rodeado dunha grande finca de 500 hectáreas, onde é visible un fermoso exemplar de pombal, actualmente en ruínas. Este Pazo é un Ben de Interese Cultural (BIC) con categoría de Monumento.