- Lat.:
- Lonx.:
Tallas e tallóns son pequenas propiedades agrícolas, formadas por mor dos diferentes repartos ou partillas que se foron facendo nas herdades de xeración en xeración. Son habituais nos nosos montes as medias tallas, confinando nun mesmo agro con outras enteiras que non se dividiron. As máis das casas teñen preto os seus tallóns e seguen a chamarlle así. Ás veces son simples marxas nun recanto dunha leira máis grande para botar verduras ou legumes. O nome procede do verbo latino TALIARE, ‘cortar, fender, partir’. Tallós é o nome dunha aldea da parroquia de San Xián de Laíño, na que está situada hoxe a capitalidade do concello. Nun dos pergameos de Iria do Mosteiro de Oseira dos que xa falamos, o do ano 1085, cítanse herdades “in loco predicto in Taliolo”, que os autores do artigo identifican con Teaio, pero que nós entendemos referido a Tallós. Ó lado está Talloíños. A Horta de Tallós está na aldea. Talloncesto é de Traxeito. Os Tallos e Os Talliños están en Teaio, As Tallas en Tarrío, O Tallo en Bexo, Tallada é de Lestrobe e tamén Tállara cun sufixo en “ – ara” que Moralejo considera prerromano.