Ó pé do monte Padronelo, Imo agarda polo río. É o nome dun dos núcleos de poboación máis importantes do concello, na parroquia de San Xoán de Laíño. Ata alí chega o Ulla dereito coma un fuso despois de canear preguiceiro buscando acomodo entre as xunqueiras de Dodro e de Campaña, pero párase un algo, dubidando, a contemplar as feituras da aldea, e ende pasando a cimbra do Redondo, vira e revira aínda antes de enfíar cara o mar anchuroso das dornas e das illas. Afirma G. Navaza que é sen dúbida hidrónimo prerromano e comenta a posibilidade de que Dimo (localidade de Catoira) sexa o resultado da aglutinación da preposición “de” co nome Imo. Entre os bens doados polo bispo Xelmírez no ano 1115 ó Mosteiro de San Martiño Pinario encontramos “sanctum Iulianum de Inno (Imio) cum suis tertiis et cum omni censu et debito nostre ecclesie”, aínda que se está a referir neste caso a San Giao de Laíño. Desde a Bouza inxel de Imo vixiaba o poeta Avelino Abuín de Tembra as dilatadas brañas dos Laíños, “pozas de augas quentes, encoradas entre xuncos…”. A Lavandeira e A Eira das Cabanas, das que vimos de falar, constitúen dúas ben fermosas concentracións de hórrreos. A aldea é populosa de xentes, con rúas cubertas de emparrados, fontes xenerosas, altas hortas muradas e pombais antigos que resisten como poden os embates do tempo agardando pombas novas que non veñen. Algúns restauráronse recentemente. Imo foi de casas señoriais. A dos Ferreirós, fabriqueiros da igrexa parroquial, a dos Aguirre, de ascendencia vasca, con aparceiros que lles pagaban renda en moitos lugares destas parroquias ata non hai tanto. As leiras de millo botábanse ás medias, o centeo pagábase por toldáns (medio ferrado). Desta familia, eran Luís Aguirre del Río, nado en Lestrobe, autor do primeiro dicionario galego, o que nos guía da man por estas follas cegas, e Sixto Aguirre, paseado con Camilo Díaz Valiño en Palas de Rei nos días erráticos do inicio da guerra civil. Matouno a mesma longa man sinistra do fascismo que a Moncho Reboiras corenta anos despois, nacionalista tamén, veciño desta aldea de Imo. Na súa memoria, desde a cumieira de Con Pólvora e Magnolias, berrou o poeta Méndez Ferrín reclamando a libertade para o noso pobo: No vento de mazán que se desfraga ...