Vigo é unha aldea da parroquia de Santa María de Dodro, da que tivo que ser núcleo importante. No lugar estivo a casa consistorial ata 1906, en que se trasladou a Tallós. Desde a Torre de Vigo mandou nestas terras o Marqués de Bendaña. O nome fórmase desde o vicus latino (vila, aldea, barrio ou asentamento no territorio máis amplo dunha civitas: Iria). Ó tempo que o Imperio Romano foi avanzando, difundíronse tamén os vicus. Está recollido amplamente na documentación medieval co sentido de aldea ou pequeno poboamento rural pero faltan aínda estudos máis en profundidade sobre o tema. Os vicus viarii funcionaron como paradas, descansos na rede viaria romana. Como tal, a voz perdeuse na lingua oral pero pervive en veciño e os seus derivados. Xa dixemos que pensamos que por aquí seguramente pasaría un ramal da Vía XIX, Per loca marítima, ou a propia calzada, procedente de Iria, en dirección ó Barbanza. Os stadia ou distancias que separaban as mansións das vías romanas, coma o mundo de Risco, son asegún. Ningún dos especialistas que escribiron sobre o tema colocou o Vico Scaporum (Vicus Caporum) no noso Vigo, pero seguramente podería estar co mesmo dereito que nos outros.
Os Caporos cítanos Plinio e Ptolomeo como habitantes de boa parte das terras centrais de Galicia desde Iria ata Lugo e figuraban aínda no Parrochiale dos suevos. É terra a nosa habitada desde antigo. No río Ulla, abaixo da aldea de Vigo, dragouse unha machada de tope con asa da época do bronce. No século XV familias compostelás coma a dos Tudela tiñan bens aquí, Teresa Eanes de Tudela herdou un casal “enna villa de Bigo” que lle doou ó Mosteiro compostelán de Santa Clara. A mediados dese século un veciño noso, vicario do Convento de Herbón, chamado Frei Xoán de Vigo, decidiu facer un hospital en Padrón “para receber e albergar a los peligrinos y romeros y pobres” que se achegaban á vila xacobea e convenceu ó arcebispo Rodrigo de Luna. Levantouse o edificio ó pé do Sar, xunto á primitiva Igrexa de Santiago, en 1458 e continuou ata o século XIX. Agora que os vellos camiños de Europa volven encherse de peregrinos dirixíndose a Compostela e a Padrón (xa se sabe que quen vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romaría ou non), sería ben convidalos tamén a vir aquí a Dodro, á terra de Frei Xoán de Vigo, que soñou para eles un recanto de verde sombra nas ribeiras daquel outro Sar.