Manselle, unha das aldeas máis fermosas de San Xián de Laíño, con boas mostras de arquitectura popular en casas, hórreos, fontes e pombais, ficou agora encinchada por AVES e Vías Rápidas que non levan a ningures. O máis probable é que sexa antropónimo xermánico cun final en “ – elle” que se repite noutros semellantes (Macenlle, Marselle…), pero valoraremos outras posibilidades. Mansilla de las Mulas escríbese a miúdo Mansiella ou Mansella na documentación medieval. No relato da peregrinación do Señor de Caumont a Compostela de 1417 aparece como Manselle (Vázquez de Parga, 1981). Curiosamente, os copistas que elaboran o noso catastro
en 1958, ás veces poñen Mansilla por Manselle. Son varias as posibles filiacións que se dan para a Mansilla leonesa que acaso sexan válidas para a nosa aldea. Para Asín Palacios derivaría do árabe AL MANSAF, ‘na metade do Camiño’, algo así coma o topónimo Meana, que existe entre nós. Alarcos Llorach propón AL MANZILA, ‘pousada’, e outros autores prefiren o latino MENSA, ‘mesa’, por estar situada nunha zona alta e rechán. Pénsase que quizais proceda de pequena mansión (lat. MANSIONE). As mansións serían poboacións menores dunha vía romana colocadas regularmente para servir de descanso e permitir o relevo dos animais. Nós, como xa dixemos, entendemos que por aquí podía pasar o ramal dunha calzada romana que conectaría Iria co Barbanza. Case todos os significados coinciden en que sexa unha parada, un alto no camiño. O noso topónimo podería terse formado tamén a partir da forma latina MANSUS. Os mansos, fronte á reserva situada arredor da casa do señor, eran terreos cedidos a colonos a cambio dunha renda ou terras que posuía un mosteiro.
Manselle, coma outras aldeas que asentan nesa fronteira entre dous mundos, a aba do monte e o arranque do val, ten unha riquísima microtoponimia, moita dela incardinada maxistralmente por Anxo Angueira na trama da Pensa Nao. Preto do Valo de Manselle, na Horta do Val, ten casa o poeta. Que fale el: “Manselle é este recuncho ó pé do Caldebarcas que oe o bruar do mar de Corrubedo nas noites de inverno e que olla o Ulla, os trapos das dornas derrotadas, a alta Arousa de agosto deitada sobre a braña…”