Bustelo é diminutivo de Busto, un topónimo moi característico, case exclusivo do noroeste peninsular. Procede de BOS, ‘boi’ e de BUSTUM, ‘pasto para os bois’, pero ademais deste último significado pode equivaler a ‘rabaño de gando vacún’ ou ‘curral para bois e vacas’. Parentes léxicos son bosta e bosteira. Hai un longo estudo do lingüista J. M. Piel sobre o topó-nimo que insiste no que comentamos e matiza que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”. Remite tamén á obra do bieito Martín Sarmiento “xenial precursor da filoloxía hispana” no que xa se adiantan esas mesmas ideas. Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, á que acudo continuamente, di que os topónimos Busto e Bustelo naceron na Alta Idade Media como granxas ó cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Algúns autores fano derivar de “bustum”, ‘terreo queimado para facer pasto’. No Elucidário de Joaquim de Santa Rosa de Viterbo dise que “na Galliza desde o século VIII até o XII tomouse busto por tapada ou bouça”. Bustelo do Monte é o nome dunha das aldeas do concello, da parroquia de San Xoán de Laíño, abaixo do Treito, na caeira da serra, en fronte de Vilar e de Campelo, que son xa do Araño. No libro do notario Álvaro Pérez (1457) hai un Fernando e un Johán, ditos os dous de Bustelo. Na súa Historia de caciques bandos e ideologías en la Galicia no urbana, fálanos brevemente José Antonio Duran dos impostos que cada casa de Bustelo lle pagaba a principios do século XX a Manuel Viturro, cacique de Rianxo ó que Castelao lle espetou unhas palabriñas, e cóntanos que os rapaces da aldea andaban encoiros boa parte do ano. O outro Bustelo está do lado de riba de Paizal. Como apelido ten que ser orixinario da zona porque se constata sobre todo nos concellos de Dodro e Rois. Unha vella tradición oral conta que a aldea naceu no lugar arredado de Guixar ó que se levaban os doentes dalgunha enfermidade contaxiosa. Quixais, coma na explicación que o arqueólogo Víctor Barbeito dá para o abandono da Aldea maldita de Abuín, en Leiro (a aldea esquecida da que fala Castelao en Cousas), teña que ver con calquera das epidemias de peste ou de tifus que se deron desde fins da Idade Media. As do século XVI causaron un elevado número de mortes na comarca. Para Frutos Fernández (Nomes do Ribeiro) Guixar podería vir dunha Villam Vigiarii, de ‘vixiar’. É aldea de riquísima toponimia, algunha sen desentranar (Minifol, Trasminifol...), de monte secularmente afeito á man e a mirada do home, que agora volve ser bravo, coma os poldros ceibos da serra, sen nomes que o acouten. Hai noites nas alturas de Bustelo do Monte que as galaxias pasan tan arrente das cumieiras das casas que fan abanear as tellas. Destas terras máis baixas quedan apenas unha manchea de moxenas esparexidas, arrelumbrando coma vagalumes polos vales en sombra: velliñas, bichocos de luz cos que volver a atismiar o mundo que renace cada día co canto da laverca sobre as primeiras néboas emparrumadas da mañá.