Reboiras

  • Icono indica lugar

Reboiras é o nome dunha das aldeas de San Xián de Laíño e debe proceder do nome latino do carballo (Quercus robur), pasando polo abundancial do latín vulgar ROBORIA. Estudouno Joseph M Piel. Sería tanto coma lugar de carballos. Rebolido de Riba e Rebolido de Baixo, en Pexegueiro, e Reborido en Bexo son nomes da mesma familia léxica. O rebolo ou cerquiño (Quercus pyrenaica) é un carballo que ten nas follas unha pubescencia branca pero, aínda que só abunda na Galicia oriental e interior, tamén se lle chama así noutros sitios ós carballos noviños. Hai quen o deriva directamente de ROBUR, entendendo que ROBULLUS é un diminutivo e quen o fai vir de repullus (Corominas), ‘gromo’ ou ‘renovo’ dunha planta.

Hai indicacións interesantes no dicionario de Aguirre: reboira está como ‘rebolta’ (camiño de volta, o máis longo), Reboleiro é sinónimo de rebolo e de carballo, e reboredo é ‘carballeira’. Roborar nos dicionarios é 256 ‘confirmar’, ratificar, e robora ou rebora, recólleo Eligio Rivas (Natureza, toponimia e fala ) coma ‘documento que acredita unha venta’. Explica Gonzalo Navaza en Rebordechán. A Nosa Memoria que a forma robore debeu usarse ata a Baixa Idade Media en ambientes latinizantes ou eclesiásticos, e que despois se perdeu, quedando tan só na toponimia, mentres que na oralidade perviviu carballo. Della Rovere foi liñaxe de príncipes e papas italianos, por iso o pintor Rafael representa ó gran Xulio II nunha cadeira decorada con landras. O apelido Reboiras que se dá case exclusivamente na comarca é sen dúbida nativo do concello de Dodro e, de momento, non deu papas pero si cregos, frades e leigos ilustres. Todo se andará.

Imaxe dun hórreo na aldea de Reboiras