Sar, auga que corre , desde moito antes de que Heráclito a convertera en símbolo eterno da fugacidade das cousas, é voz precelta, quizais no noso caso referida ós mananciais que nacen do lado de riba desta aldea da parroquia de San Xián. Sar é lugar de torrentías e enxurros e ten fonte de augas abundantísimas e frescas. En 1462 o abade e o prior de San Martiño afóranlle a Martín de Carás e á súa muller, moradores de Padrón, polas súas vidas e tres voces “as casas chamadas de Saar e o casal de Marici”, en Imo, na fegresía de San Xiao de Laíño por renda anual de sesenta maravedís de moeda branca.
Polo río Sar subiu a barca apostólica de pedra en noite de escurada entre peixes de fósforo que relumbran aínda. Para explicar as cheas invernais que asulagaban as veigas de Padrón e de Lestrobe as xentes de Iria imaxinaron deusas fluviais de longas cabeleiras e monstruos disformes verquendo auga polas fauces (Murguía: Galicia). Rosalía escribiu sobre as avenidas do Sar en Padrón y las inundaciones e contounos que de nena lle amosaban as torres da vella cidade romana submersas nunha lagoa das veigas. A fins dos anos cincuenta cambiouse o antigo curso do río e trazouse este río Sar de agora con cartabón e tiraliñas pola veiga de Lestrobe abaixo pero resisten as liñas cimbreantes da vexetación dos vellos meandros e podemos ver aínda o leito antigo do mesmo Sar que ollou Rosalía. Cítao Pomponio Mela no sec. I d. X, dicindo que a través do territorio dos Praesamarchi corren os ríos Tamaris e Sars, nacidos non lonxe, e que o Sars desemboca preto das Turris Augusti, aínda que sempre se identificaron estas coas Torres de Oeste.
Na Foz do Ulla, onde se xuntan os dous ríos (a Bisria da translatio) buscan agora os arqueólogos os vestixios das torres. Hai copia dun escrito do rei Ordoño II do ano 912 (Colección Galicia. Tomo 3. Universidade de Alcalá) no que lle fai doazón ó mosteiro de San Martiño Pinario de varias propiedades en Padrón (uilla Patrono)… per ipsum flumen Saris. O orixinal máis antigo coñecido de momento é de 1109 (Pergaminos irienses en los fondos de Oseira y Melón del AHN) onde se cita “discurrente fluvio Sar”. Cantouno Avelino Abuín nas Roldas de Compostela, “Santa María de Sar,/ten recendos de avelaira (…) O Sar garrido namora a chaira”
e cantouno Bernardino Graña que foi mentor de poetas novos no Instituto de Padrón, pé das súas augas. Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen . Xa estaban no Códice Calixtino o Sar e o Sarela, cubertos de enramada, dos que se despide Rosalía. Alá polo século XIII, Johan Airas, un burgués de Santiago, deixounos nas súas cantigas unha pastor que cantaba “quando saía la raia/ do sol, nas ribas do Sar”
. O Agro de Sar é da Devesa dos Mouchos e Sardeiriñas, que está ó pé da aldea de Bexo, acaso teña tamén esta base hidronímica que tratamos.