Inicio | Chan de Currais,Bexo |
Fin | Valo de Manselle |
Distancia | 5,58 Km |
Tipo | Lineal |
Duración | 1 h 45 min |
Dificultade | Media - Baixa |
A orixe do Camiño Real está na refoma viaria iniciada polo rei Carlos III no s.XVIII. O seu percorrido por Dodro describeuno Sarmiento na súa andaina en 1754. Nesta ruta coñeceremos o tramo de Bexo a Mnaselle.
CHAN DE CURRAIS
Comezamos a ruta aquí, no antigo campo da festa de Bexo. Por onde pasaba o Camiño Real logo do seu descenso da Paradegua.
A actividade sociocultural da aldea concéntrase xunto á Escola Unitaria e o Centro Social. Espazo no que a veciñanza reúnese para tratar temas de interese comunitario. Nun dos seus laterais hai unha fonte e unha cruz.
TRALA TORRE
En Bexo existía unha torre de observación, posiblemente medieval, cunha porta decorada con cunchas de vieira, daí a toponimia deste lugar.
HÓRREO DAS PÍAS
No camiño destaca este hórreo, o máis grande do municipio. Ten 7 claros e mide 15 m de longo. A xente que traballaba na veiga usábao como reloxo de sol.
CRUCEIROS: DE GRADÍN OU DAS ESCURAS E DE IGNACIO
Entre Bexo e Imo atopamos dous cruceiros de finais do XIX. Primeiro, o de Gradín ou das Escuras, unha lenda conta que debaixo del hai un tesouro agochado polos mouros. Segundo, o de Ignacio, construído por un veciño que fixo fortuna en América. O cristo ten a man descolgada da cruz. Coméntase que esta imaxe estaba no cruceiro do adro parroquial pero que o cura intercambiouna porque non lle gustaba
Accedemos a Imo pola parte central, onde uns muros dividen as propiedades que foron da fidalguía, dos señores de Rial.
MUROS DE ENTREHORTAS
Accedemos a Imo pola parte central, onde uns muros dividen as propiedades que foron da fidalguía, dos señores de Rial.
CASAS DAS SEÑORITAS DE RIAL
Deste sitio saíron ilustres militares, catedráticos, médicos, etc. Tiñan a casa petrucial na Rúa da Conga en Compostela, aquí só pasaban parte do ano. Diante estaba a Taberna da Richalda, onde paraban as carrilanas que baixaban dende o Barbanza, deixando amarrados os cabalos na Casa das Señoritas.
CAPELA DE SAN JOSÉ E CASA RECTORAL
Logo de deixares atrás a Fonte de Resúa chegamos a esta capela do s. XIX, construída como alternativa á igrexa parroquial que tiña uns accesos moi difíciles e pouca asistencia dos fieis. Co tempo esta situación mudaría.
CONXUNTO HISTÓRICO DOS HÓRREOS DE IMO
Grupo de 11 hórreos cos penais orientados cara ao sur para evitar exposición aos vendavais nos laterais. Completan este conxunto unha praza, onde se realizan as festas patronais, e un lavadoiro. Os hórreos xorden no 1754 xunto coa construción da igrexa parroquial.
CASA DE AGUIRRE E RELOXO DE SOL
Os Aguirre, foron das familias máis poderosas da comarca. Eran donos de moitas das terras e tiñan foros. Enriba da porta obsérvanse dúas troneiras de defensa. A construción data do 1754, na outra beira do camiño ten un reloxo de sol do 1758.
CASTRO DE IMO
Seguindo o camiño bordearemos o Castro de Imo, da Idade de Ferro, que na súa croa ten un círculo de pedras coñecido como a Coroa da Raíña Moura.
HÓRREO DA MÍNGUENSA OU HÓRREO DO ARCO
En Castro, atopamos este hórreo de 1750. Aséntase sobre unha gran estrutura de granito que configura unha entrada que remata en arco na parte superior, á que os canteiros da zona chaman campanel, dando acceso ao patio da vivenda.
CRUCEIRO DO BAZOCO
Érguese ente Sar e Castro. Cóntase que a súa cruz non é a orixinal, pode ser a de enriba da fonte de Rial, pois a principios do s. XX un temporal derribouna.
PEQUENO HÓRREO EN SAR
Polas súas dimensións pénsase que pode ser o máis pequeno do municipio.
MANSELLE
Casa de indianos na aldea que deu forma á obra Pensa Nao de Anxo Angueira. Manselle era denominada como “Aldea rusa” en tempos do alzamento fascista tanto polas cooperativas leiteiras que funcionaban na mesma, como polas ideas republicanas das/os súas/seus habitantes.