Igrexa Santa María de Dodro

Lugar A Igrexa,Santa María
Construción Data do ano 1738

Imaxe da igrexa

Descrición

Esta igrexa ten un grande interese como exemplo de parroquial rural proxectada por Simón Rodríguez por mor da peculiar solución de cuberta en forma de vieira ou cuncha nas dependencias laterais da capela maior e, tamén, polo retablo principal (de 1740) de deseño e talla compostelán, o cal tamén pode atribuírse con toda seguridade a Simón Rodríguez.

Ten planta en cruz latina, con nave única de dous tramos, situándose sobre o último a tribuna. Cruceiro cun tramo e capela maior rectangular. Detrás do presbiterio atópase a sacristía, tamén de planta rectangular. A nave da igrexa e o presbiterio cúbrese cunha bóveda de canón, ó igual que os brazos do cruceiro, onde se emprega a bóveda de aresta. Os nichos da capela maior se pechan con bóveda de cascarón en forma de grandes vieiras. En canto a fachada principal, responde ó mesmo criterio de sinxeleza que o interior.

A porta ten unha grande riqueza de molduración e está coroada por un frontón triangular interrompido por unha fornela en forma de vieira que preside a imaxe da Asunción. No lado norte levántase a torre-campanario, de base cuadrangular e triple corpo, pechándose en planta octogonal rematado nunha pequena cúpula con nervios sobresaíntes. Todo elo responde a unha libre interpretación do deseño de Simón Rodríguez.

A igrexa foi restaurada no ano 1992, co arranxo da bóveda e do tellado e a colocación dun novo piso de pedra.

Fontes:

Concello de Rois, Wikipedia, obaixoulla.gal, Patrimoniogalego.net