MARÍA DE LA PAZ ANGUEIRA
Dna. María de la Paz Angueira Becerra naceu en 1943 na propia parroquia que lle dá o nome agarimoso co que todas e todos nós a coñecemos: Maruja, a carteira de Augasantas.
Maruja é a maior de dúas irmáns. É un exemplo de muller da que temos que estar moi orgullosa, muller que tivo que afrontar grandes e duros golpes na súa vida. Exerceu case 30 anos como carteira, comezando o traballo no ano 1982 e finalizando no ano 1998. No ano 82 acada o título de funcionaria de carreira de Correos. Empezou o seu servizo de cartería na parroquia de Buxán, para posteriormente realizar o servizo en Augasantas e finalmente levar as carterías doutras 3 parroquias máis: Costa, Herbogo e Leroño.
Como ela mesma di, pode estar orgullosa de non ter tido ningún cacharrazo neste tempo de traballo polas terras roisenses. Maruja compaxinaba o seu traballo de carteira coa taberna de Augasantas, na súa propia casa, taberna con moita vida e vivencias que forman parte da historia desta muller. En palabras súas,
"a taberna aínda está aberta, e aínda que eu non traballo, si que ando polo medio"
MARÍA VIDAL PÉREZ
María nace en Cernán (Augasantas) o 27 de outubro de 1966, froito do matrimonio de María Victoria e Manuel. Ela di que é da casa e dedicouse sempre ás vacas, antes de leite e agora de carne, contando actualmente con 16 cabezas.
María dedícase no seu día a día á casa, ao coidado dos seus pais e dos seus fillos Daniel e Óscar e a atender as vacas nunha explotación da que é a propietaria. A carne véndella a Uxío, carniceiro de Padrón, quen lle leva os puchos aos 9 ou 10 meses para o matadoiro.
Desde que casou e co apoio do seu home Manuel, conseguiron aumentar a explotación.
“Gústame moito o meu traballo. O do leite gústame menos, porque non podía ir a ningún sitio. Agora, coa carne, podemos viaxar e marchar algunha fin de semana”.
YUDES MERCEDES BEADE NIETO
O 24 de setembro de 1958, nace na aldea de Porto, en Augasantas, Mercedes. Filla de Manuel e de Filomena, será a maior de catro irmáns.
Conta Mercedes que foi á escola de Vilachán, onde cursou estudos ata os 11 anos. Recorda tamén que asistiu a clases particulares con D. Olimpio, un mestre que a axudou a sacar o certificado de estudos primarios e que animaba aos seus pais a que estudaran á nena xa que tiña boas aptitudes. Logo de examinarse en Padrón, Mercedes matricúlase no Instituto de bacharelato Virxe do Mar, en Noia. Realizará só o primeiro curso porque aquel mesmo ano decide non continuar estudando.
Como a meirande parte das mulleres contemporáneas a Mercedes, os traballos domésticos abranguían os coidados dos maiores, os labores do agro e do gando. Traballábase a reo porque a mecanización destas tarefas aínda estaba por vir. Empezan tamén os amoríos propios da xuventude e con 18 anos casa con Valentín. Un rapaz da mesma parroquia co que foi dende nena á escola. Inician unha vida xuntos na casa dos pais de Valentín, fillo vinculeiro. Mercedes conta que na casa convivían tres xeracións: os avós, os sogros e eles. Naquel entón na casa tamén residían unha tía e o fillo desta. Chegaba a unha casa de labranza, como a súa propia. Ao pouco tempo nace o primeiro dos tres fillos do matrimonio, Sergio. Logo seguiríanlle Dolores e Montse.
Foi unha época de moito traballo: crialos fillos, atender un establo de vacas, coidar as terras. Valentín dedicábase á construción pero nos períodos de paro, axudaba tamén na casa coas cousas do gando... Mercedes relata con cariño como a súa sogra axudou na crianza dos tres meniños. Unha persoa moi importante na súa vida porque, non sendo súa nai, tíñaa na mesma estima, e a quen lle agradeceu sempre o coidado e as atencións que tivo cos netos. A familia grande de Mercedes ía prosperando a base de moitos sacrificios e esforzos. Ela, á fronte do gando, forma unha sociedade leiteira. Vai sacar o carné de conducir a través duns cursos da oficina de Extensión Agraria, o que lle vai permitir poder manexarse tamén co tractor e empezar a mecanizarse.
Como é ben sabido, a vida non é unha camiño de rosas. Aos 47 anos falece o seu compañeiro na vida, Valentín. Recoñece que foi un golpe moi duro, unha desgraza á que non quedaba máis remedio que plantarlle cara. Foi naquel momento cando o fillo maior, Sergio, se pon á fronte da empresa gandeira xunto con Mercedes. Cando bota a vista atrás, lembra con moita emoción a xente maior á que coidou: os seus sogros, os seus pais, a tía, o primo. Recoñece os traballos que tivo que pasar para atendelos na última recta da súas vidas pero tamén fala da sabedoría e das alegrías que lle trouxeron á súa vida. A modo de anécdota, conta que nunha visita pastoral o arcebispo de Compostela achegouse á súa casa a Duei para coñecer a realidade dunha familia nesta parroquia. Cando o prelado rematou a visita, dirixiuse a ela para felicitala por tantos coidados nesa “pequena residencia de anciás”.
Na actualidade, Mercedes é a maior da súa casa con 61 anos e xa é avoa de 3 netos, aos que quere con especial cariño. Os seus fillos tituláronse en diferentes campos: electrónica, informática e económicas. Sergio segue coa tradición gandeira familiar xunto coa súa nai e Dolores e Montse desenvolven traballos vinculados á súa formación. Mercedes é exemplo de muller rural. Traballadora incansable, forte, valente e cun sentido da familia e do respecto aos maiores dos que pode sentirse orgullosa. Sen dúbida, un exemplo no noso concello de superación persoal e profesional no que mirarse.
MARÍA JESÚS CASTRO NEO
María Jesús nace o 17 de xuño de 1962 en Silvarredonda (Buxán), froito do matrimonio de Sergio e Lourdes e ten unha irmá menor, Paula..
Estudou en Buxán un ano na escola unitaria e con seis anos marcha para Santiago a continuar a súa formación académica, vivindo na cidade na casa da súa tía. De familia labrega, todos os esforzos do traballo na terra, supuxeron unha inversión na formación das fillas. Seus pais non tiveron formación académica, se ben súa tía si estudo ao igual que outros membros da familia que foron médicos, curas, mestres... Aínda así, sempre alguén tiña que quedar para manter a casa.
Como vemos, María Jesús educouse en Santiago, se ben non había fin de semana nin festivo que non regresara a súa aldea, Silvarredonda.
Mª Jesús barallaba tamén veterinaria, polo que estivo estudando esta carreira dous anos en León; daquela non existía esta carreira en Lugo de modo que a distancia, a morriña de non ver súa terra e súa familia por períodos longos de tempo, púidolle. Lembra dese momento que o entorno formativo da veterinaria era un tanto machista, e a maioría dos compañeiros eran homes e unido a outras circunstancias non atopaba alí o seu espazo. Con estos factores, Mª Jesús decide pasarse a Traballo Social aló polo ano 1983, onde se atopou pola contra que o 98% do alumnado eran mulleres (actualmente o 90% amosando ser unha formación feminizada).
Unha vez rematada a formación en 1986, consigue traballo na escola Universitaria que a formou. Pero con inquietude por seguir aprendendo, cursa a Licenciatura de Ciencias Políticas e Socioloxía, especialidade de Psicoloxía Social na sede en Madrid da Universidade Pontificia de Salamanca, compaxinado o traballo co estudo nas fins de semana e rematando en 1994. Posteriormente cursa estudos de terceiro ciclo na Universidade de Santiago de Compostela no Programa de “Procesos Políticos Contemporáneos” , obtendo a suficiencia investigadora no ano 2003. Mª Jesús lembra con orgullo que desde o 86 varias xóvenes de Rois pasan polas súas aulas.
Con este apetito de seguir aportando na sociedade e como socia da Asociación de Mulleres Progresistas, forma parte da creación dun Centro de Información á Muller, unha ONG referente en Santiago de Compostela e na súa contorna nos anos 80. O centro, atendido por mulleres voluntarias fóra do seu horario laboral, ela colabora no mesmo desde finais do 86 ata o 1991 con dous obxectivos claros: atender ás mulleres que naquela etapa respecto á nosa, atopábanse desprotexidas e descoñecedoras das ferramentas que poderían ter a súa disposición, así como reinvidicar a figura da muller na sociedade e a igualdade de dereitos ao respecto dos homes.
Así mesmo, en 1986 participou na creación da Asociación Cultural A Serna nun momento no que as actividades deste tipo en Rois eran case inexistentes, sendo presidenta da mesma desde a súa creación ata 1991. Garda un grato recordo desta experiencia, do grupo de pandereteiras e do teatro, entre outras.
Temos que resaltar de María Jesús a súa faceta activa na política municipal roisense. Na etapa democrática foi a primeira concelleira a nivel de corporación municipal, e lembra reunións de partido na comarca en que ela era a única representación feminina, reflexo dunha época con moi escasa presenza feminina na participación política.
Por que dar ese paso? Primeiro, por amor a súa terra, a Rois. Segundo, por aportar o seu grao de area na actividade municipal, animada ela polas compañeiras da asociación de mulleres , que a impulsaron a que fora unha muller na política. Deste modo, durante 20 anos, cinco lexislaturas, representou con orgullo a súa faceta política en Rois. Como ben di ela "non entendo a miña vida sen compromiso público e sen compromiso social"
que se reflexa actualmente na súa participación en varias asociacións, algunhas delas de Buxán.
Que repercusión tivo na realidade municipal? María Jesús era concelleira xoven, inexperta e muller. Lembra o comentario dun concelleiro que lle chegou moi fondo: "se fora facer a fabada”
indicativo de que se consideraba que o espazo natural das mulleres eran as labores domésticas. E reflexiona sobre a nosa faceta de muller na sociedade, onde "botan a andar proxectos por mulleres que medran e se asentan, e que unha vez asentados, noméanse homes nos cargos directivos e de coordinación"
. Esta faceta política serviulle moitísimo a ser como é, a coñecer mellor o seu concello e a coñecer mellor ás persoas en xeral.
MANUELA LEONOR ROIS NIETO
Manuela Leonor nace en Vilariño, na parroquia de Augasantas, hai 74 anos. Filla de José e María é a segunda de tres irmáns. Críase nunha familia de labranza onde o agro e o gando constituían as principais formas de vida nas aldeas. Unha época onde as nenas e os nenos tamén eran man de obra para os traballos do campo e da casa. Leonor foi á escola de Vilachán, non tan habitualmente como lle gustaría, pero o suficiente como para aprender estratexias básicas para manexarse na vida. Recorda especialmente o seu cariño polo cálculo, o que a axudaría a desenvolverse na súa vida profesional.
Aos 24 anos coñece a José Miguéns, un rapaz do Piñeiro, en Buxán. Con el vai casar e do matrimonio nacen dous fillos: Graciela e Eduardo. Como a maioría dos casamentos da época, a nova parella inicia unha convivencia na casa dos sogros, onde cadran varias xeracións. Leonor, coma tantas mulleres naquel entón, coida da xente maior da casa, cría os fillos, atende as leiras, a casa e mantén os animais.
A familia tiña dous pequenos negocios, un serradoiro, que levaba o marido, e unha pequena taberna-ultramarinos, do que se foi ocupando M. Leonor. Isto permitiulle desenvolver as habilidades para o cálculo, ter moita relación coa xente da parroquia e dispoñer duns ingresos que lle permitiron evolucionar como muller.
Conta con moito orgullo que, grazas ao seu traballo na taberna, puido darlles estudo aos seus fillos. Ambos teñen carreiras universitarias e dedicados aos negocios familiares que permanecen hoxe en día. O traballo deulle a dignidade e a posibilidade de conseguir metas importantes para ela e para a súa familia.
Na actualidade ten 3 netos e convive con eles, coa nora, e cos seus fillos en Buxán. José, o seu marido, faleceu anos atrás, pero o seu legado e mais o de Leonor perdura nos seus descendentes: Eduardo como relevo no serradoiro e Graciela á fronte do bar. M. Leonor representa unha xeración de mulleres do rural tremendamente traballadoras, humildes de espírito e cunha gran fortaleza.
SARA IGLESIAS RODRÍGUEZ
Sara nace o 28 de abril de 199 en Ribeira, froito do matrimonio de Ángeles e Olimpio e ten unha irmá, Zeltia. É unha moza roisense cunha ampla traxectoria formativa en centros de Ribeira, Urdilde, Rois e Padrón. Realiza 1º de bacharelato en Buena Vista, estado de Virxina (EEUU) a través dunha bolsa da Fundación Barrié.
A súa ilusión desde pequena foi ser palista ou traballar na forxa. Esta inquedanza fixo que cando chegou ás súas mans o folleto informativo do ciclo medio de Soldadura e Caldeiraría, impartido en Valga, non dubidase un minuto en se matricular. Neste curso, 2016/17, era a única alumna da clase do seu curso (había outra moza no seguinte curso que realizaba tamén a FP Dual). A nivel docente, na especialidade tamén había unha única muller no cadro de profesorado, responsable da materia de soldadura.
Na súa traxectoria formativa atopouse con situacións moi incómodas: comentarios despectivos e de acoso, burlas... que a facían percibir que non a tomaban en serio. Exemplos disto era quen en períodos de prácticas lle facían soldar ferros durante xornadas de 8 horas para despois botalos ao lixo, non permitíndolle nunca facer uso da maquinaria específica “por se me facía dano” e iso que, como di ela, “soldaba mellor que todos os homes que estaban alí no cadro de persoal”
Actualmente está a realizar o ciclo superior de Construcións metálicas, tamén en Valga, do que se titula neste ano 2020. O seu obxectivo laboral é ser docente nestes ciclos para mellorar a calidade educativa e humana existente: “quero ser docente, en primeiro lugar, para respectar o alumnado, darlle confianza e traballar na erradiciación da marxinación e discriminación que existe neste ramo laboral”
SONIA ARES
Sonia nace no ano 80 en Servia, aldea do concello de Lousame, froito do matrimonio de Ramón e Mª Esther. Neste concello veciño vive os seus primeiros 22 anos de vida, e estuda en Lousame e en Sergude. Neste último lugar cursa Capacitación agraria, falando do ano 95/96, con motivo de continuar coa explotación gandeira familiar.
No ano 97 comeza a traballar nunha escola-obradoiro no Concello de Lousame e no verán dese mesmo ano aparece un curso do plan Fip que chama a súa atención por ser algo diferente e innovador: o soprado de vidro. Decide inscribirse e durante 3 ou 4 meses descobre un mundo que a fai sentir “entusiasmada, ilusionada e encantada” en canto á formación artística recibida. Compaxina deste modo durante os meses de formación o traballo no concello polas mañás, coa formación artística pola tarde, non tendo case tempo nin para xantar.
Tal é a expectativa da formación recibida que nos dous anos seguintes repite a formación. E decide consumar a inquedanza por ampliar a formación neste ámbito, buscando entón cursos como pintura sobre vidro. No ano 99 comeza a facer os seus traballos para venda paralelamente a outros empregos noutros sectores para poder levar a cabo o seu soño. Decide deixar o vidro por mor do transporte das pezas xa que sufrían rupturas. É así como empeza a traballar coa prata, para o que vai aprender o oficio cun artesán compostelán.
O 28 de decembro de 2002 casa co seu mozo, Xavier, e trasládase a vivir a Rois, á casa natal do home, onde traslada o seu taller. No ano 2003 dáse de alta como autónoma cun grande impacto na súa vida, ante a resposta da xente. “Daquela era bohemia, meu pai non apoiaba o meu proxecto”
conta Sonia cun sorriso nostálxico, recoñecendo que a súa forma de traballar non era consoante coa época. Aínda que Liñares sempre foi un núcleo con moita actividade empresarial, Sonia atopouse con reaccións adversas, por ser muller, emprendedora, con vida independente e por facer todo isto soa, sempre co apoio incondicional da súa parella.
Sonia traballa tanto no deseño e no desenvolvemento de novas creacións, coma na súa elaboración e posterior comercialización. As orixinais coleccións son obra da imaxinación da propia autora, e conta coa marca de Artesanía de Galicia. Hoxe en día Sonia recoñece que o traballo de autónoma é moi duro, sobre todo compatibilizalo agora coa súa faceta de nai que desenvolve desde o 2012. “Hai días que non vexo aos meus fillos; ben que teño a miña sogra, senón un dos dous teriamos que deixar de traballar”
Con todo, ten claro que é moi importante para ela como muller ter oportunidade de se desenvolver laboralmente nun oficio tan apaixoante.
LUCÍA BECERRA ARES
Lucía nace o 11 de xullo de 2005, froito do matrimonio de Eva e José Manuel, é a segunda de tres irmáns.
Actualmente estuda 3º da ESO no CPI Os Dices-Rois e forma parte do cadro do CD Rois desde hai tres anos. Daquela foi cando lle chamou a atención o fútbol e chamou ao equipo para preguntar. Un dos directivos propúxolle probar un adestramento e desde aquela xa formou parte do club. E ela foi exemplo para seu irmán pequeno José Manuel, que xoga tamén no club desde o ano pasado.
Na actualidade é a única moza na súa categoría de cadetes e xoga como dianteira. Lucía di que o “deporte engancha”
e que vai manterse no club ata que este llo permita. Para ela, os torneos e os adestramentos non supoñen ningún problema, está encantada con poder compatibilizalos cos estudos. Actualmente son 3 as mulleres no cadro do CD Rois.
CARMEN PÉREZ CASTAÑO
Carmen nace en Niñarelle (Ermedelo), aldea na que leva vivindo toda a vida, e da que non faltou máis dun mes seguido. É filla de José e Victoria. Carmen foi parella de José María, falecido hai 33 anos, e nai de Ramón e Jesús.
Traballou toda a vida no campo e na explotación de vacas do país, de leite, posto que vive nunha casa de labranza xa de dúas xeracións anteriores. No ano 1998 a familia decide vender as vacas e a cota de leite, quedando ata o ano 2004 con 3 cabezas do país para o consumo da casa.
Carmen tivo moito traballo na casa, tanto na explotación coma no coidado do fogar, atendeu a seus pais e á crianza dos seus fillos Ramón e Jesús. Actualmente Jesús reside en Barcelona xunto á súa familia, desde os 22 anos que emigrou aló; e Ramón vive en Vilacoba (Lousame). O seu home, José María, falecido hai 33 anos, foi albanel, e traballou tamén en Cortizo nunha pequena tempada.
O coidado dos seus pais, xa falecidos, dadas as doenzas que tiñan (o pai non rexía, e a nai encamada por ruptura de cadeira, ao que había que lle engadir reuma e demencia), fai que se atope moi atada a súa casa, quedando ao coidado dos ascendentes e da explotación.
Carmen estivo á fronte da Asociación de mulleres rurais de Ermedelo durante 10 anos, desde o 14 de xullo de 1999, nuns momentos de grandes cambios nesta asociación que supuxeron grandes esforzos, pero que á vez lembra con moito ilusión.
MARÍA DEL CARMEN PAZOS RABUÑAL
Toda a vida traballa no campo e estuda formación agrícola en Santiago. Herda da familia a explotación gandeira de vacas de leite coa que comeza a traballar. Debido á falla de rendibilidade, co pouco que se pagaba o leite nos tempos da crise deste sector, decide dirixir a explotación á carne e á horta ecolóxica de forma profesional.
Así, coincide esta situación cando os Concellos de Rois, Dodro e Ames poñen en marcha o proxecto Amorodo, co ánimo de difundir a agricultura ecolóxica a través de diversas accións formativas e de cara á comercialización dos produtos. Para Carme este foi o impulso para dar o paso no emprendemento. Dende hai 16 anos ten o seu propio posto na praza de abastos de Vilagarcía, Ecolóxicos Carme, no que vende os martes e sábados e no que se sente “moi apoiada polas facilidades prestadas e moi a gusto cos compañeiros e compañeiras do mercado”
Desde fai tres anos tamén vai dous domingos ao mes á Coruña, na praza de España, a un mercado ecolóxico.
“Síntome estupendamente, moi satisfeita coa miña vida, da que non cambiaría nada”
expresa Carme con determinación. Se ben recoñece o esforzo de compatibilizar o traballo co coidado dos pais e a crianza dos cinco fillos que ten, María, David, Antonio, Ramón e José.
Carme defínese como unha muller activa no rural, onde tradicionalmente a voz cantante a leva o home, que é quen ten que dar o visto bo. Ela ten tres hectáreas de terreo para facer rotación de cultivos, certificadas polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), a maior parte na aldea na que vive, en Socastro, e outras fincas noutros núcleos próximos. En todo ese terreo cultiva unha gran variedade de hortalizas e verduras, todas ecolóxicas. Carme Pazos salienta que a variedade, a diversidade e a rotación dos produtos é «moi importante» neste tipo de agricultura.
Tamén cría gando, neste momento ten 8 cabezas do país, que lle proporciona o esterco natural para as súas terras, «algo fundamental», e mesmo produce de forma ecolóxica os cereais que comen: trigo, millo e centeo, ao tempo que tamén moe e vende a fariña, ecolóxica, por suposto.
DOLORES GENS CASTRO
Dolores naceu na casa o 3 de novembro de 1967, no lugar de Herbogo, froito do matrimonio de Arturo e Carmen. Atende o parto o seu pai e a súa avoa.
Dolores casa con Jesús Manuel e teñen a Laura, unha moza que cursa súa formación en Rois, pero que no 2012 realiza seus estudos en Estados Unidos durante todo un curso escolar. Foi neste tempo cando Dolores, para ocupar o tempo, comezou a buscar por internet receitas de galletas decoradas, mundo polo que se apaixonou daquela.
Cando a súa filla Laura regresa de EEUU ábrelle unha conta de Facebook á súa nai para difundir os seus produtos, algo que crea xa un gran interese por parte da poboación. É por isto polo que no 2018 decide darse de alta en autónomos e crear a empresa A fiestra dos doces.
Compatibiliza o seu traballo na pastelería con outras ocupacións, e aínda que di que nunca lle gustaron as manualidades, aprende de forma autodidacta e por internet unha morea de receitas e presentacións que lle dan unha marca única como artesá.
VICTORIA QUIROGA RAMALLO
Victoria nace en Luáns (Iria) onde vive cos seus pais ata que casa. Realiza os estudos en Padrón e aos 17 anos comeza a traballar na vila nunha tenda de xoguetes, onde vende estes artigos e outros como revistas ou loterías, traballo que desenvolve nos domingos e nas tempadas de nadal e que perdura moitos anos, mesmo xa de casada.
Aos 18 anos tamén comeza a traballar en Santiago, nunha clínica de adelgazamento, onde realiza as tarefas administrativas e como recepcionista da empresa e que compatibiliza co traballo na vila padronesa.
Un ano despois do casamento queda en estado do seu fillo maior, Alberto, motivo polo que a clínica de adelgazamento non lle renova o contrato, xa que “non queren mulleres embarazadas”
De casada e xa vivindo na Pereira, Victoria traballa no ano 1993 durante 3 meses no Concello de Rois, onde desenvolve tarefas formativas e administrativas. Tamén traballa durante ano e medio no Campo de Golf de Seira (Rois) en traballos de oficina e en todo aquilo que ía xurdindo.
Paralelamente a esta situación laboral, na casa da Pereira, tanto Carmen, sogra de Victoria, coma seu home Manolo, estaban ao fronte dunha explotación gandeira de 11 cabezas.
En 1997 dada as malas experiencias laborais de Victoria, a familia reúnese para decidir que rumbo seguir, tomando como decisión aumentar a explotación gandeira. Victoria decide quedar á fronte desta, xa que Manolo, o seu home, xa tiña un traballo con soldo en labores en casas particulares, na brigada de incendios da Xunta e en traballos de desbroce co tractor. Fórmase en Sergude nun curso de 200 horas de duración e no 2007 formalizan a sociedade entre os dous.
Recoñece que foi un reto moi grande para ela mesma, descoñecedora do mundo gandeiro e agrícola e que lembra cun sorriso como que daquela “case non sabía cantas patas tiña unha vaca”
Os comezos da sociedade foron moi duros. Daquela contaban coa metade do establo actual, e duplicaron o número de cabezas, chegando ás 30 vacas de golpe. Isto supoñía un gran traballo, rematando moitas veces como ben lembra “ás doce da noite, hora á que iamos cear”
ou facendo “3000 alpacas pequenas durante un verán, co esforzo que isto supoñía”
Victoria recoñece e eloxia a figura da súa sogra Carme, xa que de ambas dependía facerlles fronte ás tarefas domésticas, á horta, ao coidado dos outros bichos e, como non, á crianza dos dous fillos, Alberto e Manuel. “Sigo onde estou por ela”
di Victoria ao referirse a súa sogra.
Os nenos sempre axudaron no traballo e este vínculo coa explotación motivou que se formaran no sector agrario, sobre todo no caso do fillo maior, Alberto. Unha vez que Alberto rematou os seus estudos, aló polo 2014, pasou a formar parte da explotación “Ganadería Alma”, como sociedade civil xunto aos seus pais. Victoria non só traballa no establo, senón que tamén é a responsable da xestión e contabilidade da sociedade, levando ela toda a administración desta.
Actualmente Victoria recoñece que a vida laboral lle cambiou moito desde o ano 2014. Desde aquela pode contar con días libres, antes impensables “nun traballo que te require de luns a domingo”
Tamén compatibiliza seu traballo coa responsabilidade política en Rois ao fronte da área de cultura.
SILVIA CARNERO ARES
Silvia nace en Santiago de Compostela o 11 de decembro de 1983, froito do matrimonio entre Juan e Teresa, esta última nativa de Leroño, que fai que moitas fins de semanas e veráns Silvia se traslade á terra da súa nai. É nunha destas visitas onde coñece a Carlos, que se converterá no seu marido e o motivo polo que Silvia vén vivir a Rois no 2010.
Silvia estudou Perruquería e Estética no 2003 e traballou desde o momento en que finaliza a formación. Pero a realidade laboral que se atopa nos dous ámbitos é deplorable: salario por debaixo do regulado, contratos irregulares, horas extra que non se pagan... Este cúmulo de situacións laborais fan que un día se formule o que ela expresa como “por que non me merezo o mínimo como profesional”
e decide emprender o seu propio negocio. Aforra e decide abrir o seu propio salón hai cinco anos, en Padrón, co nome Silvia´s Look, coas condicións dun traballo digno e dignificado, tanto para ela como para a súa empregada, e baixo os parámetros do Eco-salón, con tratamentos orgánicos e un traballo de respecto polo medio natural.
CELIA VILLAR NEO
Celia nace en Urdilde, filla adoptiva de Luz Divina e Ernesto, parella de Luís e nai de Noelia e Lorena.
O seu avó paterno casou para Urdilde e tivo un fillo, o pai de Celia. Este á súa vez tivo catro fillos, sendo Celia a maior deles. O curmán do seu pai, de Leroño, non chega a ter descendencia e por este motivo, xunto a que manter catro fillos nunha época con escasas facilidades para saír adiante era moi complicado, fai que os pais de Celia manden a nena con 10 anos a Leroño, nunha especie de adopción actual por parte dos tíos.
Como ben di Celia, este cambio na súa vida fíxoa madurar de “golpe e porrazo”
A súa infancia remata drasticamente con este cambio de vida, aínda que recoñece que ao ser a maior dos irmáns, xa na súa casa natal era a encargada de coidar os seus irmáns. “Nacín traballando”
sendo o traballo para ela a súa vía de escape, a ocupación para non reflexionar sobre o duro golpe recibido, a súa forma de estar entretida na vida.
Celia sempre foi unha estudante exemplar, con todo, non contou co apoio da familia para que unha vez rematados os estudos básicos puidese seguir formándose. “Queríanme para traballar”
Con 14 anos mandárona a Herbogo a aprender a coser, supoñendo isto un sopro de aire fresco. Sempre lle gustou moito o oficio. Celia dedícase a facer múltiples tarefas, sentíndose como ben di con moitísimos soños cumpridos na súa vida. Apaixónase polas manualidades, rescatar utensilios antigos (tellas, caldeiros de leite), reciclar todo tipo de obxectos. Sempre lle gustou moito escribir, participando en certames do que resultou gañadora cun traballo en Rois, do que non descarta a segunda parte.
A nivel laboral, desde o ano 2007 está como autónoma á fronte dunha explotación de carne de vaca rubia galega, que conta na actualidade con 14 adultas, 1 touro e 8 becerros. Debido a que o seu home traballa fóra da casa, Celia lembra outra parte dura da súa vida: compatibilizar a crianza das súas fillas co seu traballo na explotación. “Cada etapa ten os seus momentos bos e tamén duros”
comenta, e realmente nos primeiros anos das fillas tiña que estar para todo, as ceas, os baños, o pediatra, a escola... compatibilizando todo co horario do establo. Así e todo destaca que, ao igual ca ela, “son moi boas estudantes e moi boas fillas, mentres que eu me sinto un pouco como unha nai consentidora, xa que sempre lles permito e lles permitirei a elas todo, todo o que eu non tiven”
MARIA DEL CARMEN REY ARUFE
Carmen nace en Noia o 30 de setembro de 1963. Filla de José e Carmen é a terceira de catro irmáns. O pai foi emigrante e súa nai traballadora de Correos durante máis de corenta anos.
Cursa primaria e bacharelato en Noia e, chegado o tempo, decide empezar estudos universitarios de pedagoxía en Santiago. Conta ela que nesta elección foi decisiva unha das profesoras que tivo durante o bacharelato e que lle inculcou a súa querenza polas ciencias da educación, aínda que a súa primeira opción era o dereito.
Con 22 anos licénciase en Ciencias da educación, na especialidade de Intervención socioeducativa. E nese mesmo ano casa coa súa parella Carlos Bouzas, natural de Oín, e vén vivir para o Concello de Rois. Xuntos forman unha familia de tres fillos varóns. A maternidade e a falta de oportunidades como pedagoga animaron a Carmen a empezar con traballos de carteira, cubrindo substitucións polas cales colleu experiencia e puntuación para se presentar a unha futura oposición.
Foi así como no ano 1997 Carmen saca con éxito a súa praza de carteira rural, con destino primeiro en Carcacía, no concello de veciño de Padrón. Posteriormente, conseguiría a praza definitiva no Concello de Rois, seguindo así a tradición familiar como carteira. Conta que o traballo en Correos foi formulado como unha canle provisional que lle permitía ingresos para afrontar a vida familiar, aínda que o seu principal desexo sempre foi o poder opositar ás prazas como pedagoga no ensino público.
Os anos foron pasando e Carmen acomodouse nun traballo que lle reportaba a gratificación de ter contacto coa xente, o que sempre valorou moito, e, unha seguridade laboral que lle fixo máis cómoda a crianza dos tres rapaces.
Hoxe en día e botando unha ollada ao pasado, Carmen séntese contenta e satisfeita polo logrado co seu traballo como carteira no rural. Con todo, o pesar por non ter exercido a súa profesión como pedagoga está presente e é unha cuestión que aínda doe. Na actualidade, convive co seu marido e co fillo máis novo. Di sentirse moi orgullosa da familia que formou á que chegaron as parellas de dous fillos e as respectivas netas coas que, sen dúbida, exercerá a pedagoxía adquirida nos anos mozos.
MARÍA DEL CARMEN GESTOSO PENEDO
Nacida o 18 de xuño de 1960 na Covela, Rois. Filla de Carmen e Ángel. Son cinco irmáns: ela, Eloi, Celia, Ángel e Ramón.
María del Carmen está casada con José e é nai de dous mozos, Ángel e Martín. Cando seu fillo Martín pasa para 1º de educación primaria, cambia de vivenda de Infesta a Oín, para instalárense na casa que construíron.
Carmen é a terceira muller que se integra no equipo de axuda a domicilio, despois de Aurora e Mari Carmen. Ten 18 anos cando comeza a traballar no concello, primeiro con substitucións no persoal de limpeza dos polideportivos e nos centros educativos e logo para o coidado de persoas maiores.
Este cambio realizouno porque ela quixo, porque así o solicitou. Tivo que realizar un curso de 20 horas e a partir de aí a formación continuou. Obtén o certificado de profesionalidade, para o cal pedían formación e tempo traballado, ao que tivo que presentarse tres veces, dúas en Santiago e unha na Coruña, coas cotas de 20€ por cada unha delas.
A súa primeira experiencia vivida con persoas maiores foi única e fortísima. Para Carmen, nos 18 anos que leva exercendo como persoal de axuda a domicilio, a vida foille cambiando, como a todas nós. O duro do seu traballo é o cariño inmenso que lle colles ás persoas coas que traballas, e que nalgunhas ocasións, chegan a morrer. “As persoas usuarias son as que compensan”.
A Carmen gústalle moito o seu traballo, “cando chegas á súa casa, respiran”
e como profesional sabe que de casa en casa non podes ir da mesma forma.
GUADALUPE GÓMEZ CALVO
Guadalupe vive na aldea na que naceu, na casa onde naceu súa nai e na que comparte a vida co seu home Pablo e co seu fillo de sete anos, Breixo.
Traballa como Técnica de coidados de auxiliar de enfermaría no Hospital Clínico Universitario desde o ano 2001, ano no que tivo o primeiro contrato.
Leva 2 anos á fronte da presidencia da Sociedade Deportiva da Escravitude (Padrón). O seu traballo comezou por recuperar no club as categorías inferiores, daquela desaparecidas, tanto de biberóns como de prebenxamíns. Tanto o seu home como o seu fillo Breixo comparten un grande amor por este deporte, algo que a motiva tamén na súa implicación na sociedade.
Dado que a entidade estaba a piques de desaparecer, por falta de persoas que se responsabilizasen de poñérense ao cargo da directiva, e por recomendación do seu anterior presidente Manolo, ponse ela á fronte da directiva, asumindo outras dúas mulleres o resto dos cargos: Irene como secretaria e Diana como tesoureira.
No mundo do fútbol son varias as mulleres que se ocupan doutros clubs, das direccións destes, como pode ser o caso do Bastavales, así como tamén son varias as nenas e mozas que forman parte do cadro de xogadores e xogadoras. Lupe compatibiliza ben esta dedicación, que supón un grande esforzo, xa que no hospital ten un horario fixo semanal, sen traballar as fins de semana.
MARÍA DE LOS ÁNGELES SOUTO PIÑEIRO
Nace en Oín o 26 de xuño de 1987, froito do matrimonio de Antonio e María. Irmá de Antonio Julián, estudou en Rois ata 4º da ESO, bacharelato no Macías O Namorado de Padrón e despois dirixe a súa formación á Administración e Dirección de Empresas da USC.
No 2009 aproba con 22 anos, as oposición a Garda Civil, unha promoción máis tarde que a súa parella. Ángeles é una moza con espírito benéfico, disposta a axudar ós demáis dende nova, por iso na Benemérita atopa a súa realización.
Dos seus comezos, lembra unhas inundacións en Soria aló polo 2011, debendo desaloxar campings e evacuar campamentos de menores. Do 2013 ó 2014 foi seleccionada para formar parte da unidade SIR (Servicio de Intervención Rápida), sendo a única muller integrante en toda a provincia soriense.
De 2014 a 2016 trasládase a Lleida, donde forma parte do Equipo de Tiro da Comandancia, participando en probas de percorridos de IPSC (tiro en movemento), sendo ela e outra compañeira as únicas integrantes femininas en toda a provincia.
No 2017 realiza un curso de selección-especialización para formar parte da UCO (Unidade Central Operativa), que investiga as máis graves formas de delincuencia e crime organizado, a nivel nacional e internacional. Finalizada a formación entra directamente a formar parte do Grupo de Prevención de Branqueo de Capitais da UCO, convertíndose na primeira muller integrante dese equipo.
Actualmente realiza o seu traballo na Zona de Cataluña, concretamente no EDOA (Equipo contra a Delincuencia Organizada e Antidroga). Ángeles lanza unha mensaxe a todas as mulleres: "Con ganas e compromiso, podes conseguir o que desexas"
Nos últimos anos, o estereotipo de Garda Civil evolucionou (xa non temos en mente un home con tricorne e bigote), e ela asegura que se atopa cómoda cos seus compañeiros. Sabe que a súa figura supuxo unha ruptura de clixés, logrando formar parte de distintas seccións donde non era habitual a presenza de mulleres, abrindo as portas a outras compañeiras.
MARÍA ESMERALDA CABO NAYA
Esmeralda nace na casa na que vive actualmente o 8 de maio de 1962 no Sisto (Ribasar), froito do matrimonio de Florentino e Leonor. O seu pai no ano 1974 monta na aldea unha axencia de seguros, que co tempo e ante a xubilación, pasa a mans dos seus fillos, Julio e a nosa Esmeralda.
Para isto, tanto ela como seu irmán Julio fórmanse para se poderen poñer á fronte da empresa; neste caso, Esmeralda cursou Relacións Laborais na USC. Ambos irmáns, amplían o negocio familiar e varían o seu traballo, contando actualmente ademais de coa axencia de seguros, cunha xestoría e coa administración de lotería de Padrón.
“Fíxeno porque me gustaba”
que lembra o tempo que de nena pasaba na oficina co seu pai, xogando e manipulando papeis e contas. Esmeralda conta con que o seu fillo Félix tamén continúe co negocio familiar, para o que se está a formar actualmente en Administración e Xestión de Empresas.
Esmeralda nunca atopou diferenzas no trato respecto ao seu irmán. Se ben, constata que “hai 30 anos, nun contorno rural como Rois, algunhas persoas non comprendían moi ben que facía unha muller á fronte dunha empresa como a súa”
Ela tamén di que foi unha das primeiras mulleres da parroquia en ten o carné de conducir, algo que sempre lle apaixonou, “ non me chegaba o día de ter os 18 anos para poder sacar o carné”
ERMITAS DIZ CASTRO
Ermitas nace o 4 de xuño de 1950, filla de Delfín e Mercedes. Son en total 4 irmáns, xunto a Ofelia, Delfina e Charo. Ermitas conta co certificado de estudos primarios. Despois de estudar comezou no mundo laboral na hostelería, continuou o traballo na cooperativa dos seus pais e hai 23 anos, xunto ao seu home que quedara no paro, crearon Agroxardín.
Animáronse a montar a empresa por uns amigos que sabían que tiñan a finca actual e que podería ser un negocio frutífero, e non se equivocaron.
Ermitas está moi contenta coa empresa, “oxalá comezaramos antes”
No ano 2015 xubiláronse e teñen o negocio alugado.
EVA BUSTELO VIDAL
Esta que vos sorrí e escribe son eu, Eva Bustelo Vidal. Nacín un 29 de marzo do 70 en Liñares, parroquia de Costa. Teño dous irmáns, Paloma e Jose. Son a máis vella dos tres.
Crieime nunha taberna rexentada por dúas mulleres loitadoras, miña avoa (a señora Pura) e miña nai (Alicia). Dende moi pequenos os tres irmáns colaboramos en todos os negocios da familia: bar, casa de comidas, serradoiro, repartimento a domicilio, panadería... De miña avoa, xa falecida, aprendín o valor do traballo ben feito, dos bos modais e da constancia (non hai día que non me lembre dela). De miña nai, a importancia da independencia feminina, tanto económica como emocional. De meu pai, a responsabilidade e a honestidade
Con 4 aniños encariñeime de María Teresa, unha profesora que daba clase na unitaria de Liñares, e pasei longas tempadas na súa casa rodeada de cariño. Ela foi a que me transmitiu o amor pola lectura. No ano 84 comecei a estudar bacharelato en Santiago e de luns a venres, durante tres anos, convivín con 60 rapazas nunha residencia de monxas. Esa experiencia marcou moito a miña adolescencia. Alí asentáronse moitos dos valores que guiarían a miña vida: a tolerancia, a amizade e a solidariedade entre outros. Marisa, a directora, foi unha muller moi importante no desenvolvemento da miña personalidade porque, a pesar da miña timidez, soubo axudarme a crer en min mesma e a sacar fóra todo o potencial que levaba dentro. Cursei ata 3º de bacharelato sen rematalo e obtiven o título de auxiliar administrativo, estudos que alternei con algúns anos de solfexo e piano.
Xa con 21 anos, as miñas ás leváronme a independizarme. Desempeñei distintos traballos, caseime e con 25 anos volvín ao negocio familiar. Na Panadería San José meu pai deunos, a min e a meus irmáns, a oportunidade de traballar con el, facéndome cargo da parte doce da empresa pero empezando dende abaixo e de forma totalmente autodidacta. Unha vez que meu pai se xubilou fixémonos cargo da empresa, seguindo a tradición familiar e pasando a ser a cuarta xeración que se dedica a este fermoso e sacrificado traballo. O que máis me gusta de ser pasteleira é a parte creativa e a satisfacción que me produce saber que cada tortiña ou doce que o cliente merca vai proporcionarlle un momento de felicidade.
Son nai divorciada de dous fillos adolescentes, Carla e Lorenzo, e procuro alimentar a diario unha relación de parella que me fai moi feliz. Sigo tendo curiosidade pola vida. Gústame a arte en todas as súas expresións e teño unha relación especial coas palabras; por iso escribo dende nena, como necesidade de botar fóra todo o que sinto. Espero seguir aprendendo da vida e das persoas e poder ser unha muller de referencia para a miña filla como outras o foron para min.
MARÍA DEL CARMEN GARCÍA ACOSTA
M.ª Carmen García Acosta, máis coñecida por toda a veciñanza como Carmiña, nace no lugar dos Dices. Filla de José e Amelia será a maior de dous irmáns.
Carmiña inicia os seus estudos na escola de dona Sara, na mesma aldea onde reside coa súa familia. Aos nove anos, acode a unha academia en Padrón, situada no Palacio de Quito, e con 16 continuará a súa formación como administrativa en Santiago, na Academia Delta.
Conta que con 18 anos realizaba pequenos labores de contabilidade e foi entón cando tamén comezou a traballar no Concello de Rois. Seu pai, alguacil durante máis de 30 anos, animado polo secretario do Concello, levaba a Carmiña para axudarlle a pasar as Actas á máquina. Foi así como iniciou o seu labor como funcionaria.
No ano 1968, Carmiña era a única muller traballadora da administración local dos municipios da redonda. Un ano antes, no 1967, sendo alcalde Peregrino Castro Freire, Carmiña foi testemuña da inauguración da casa consistorial que inda temos a día de hoxe. Nela realizaba tarefas como auxiliar administrativa e, logo de 10 anos a través dunha lexislación que o permitiu, ocupou definitivamente a praza como funcionaria administrativa do Concello de Rois.
Foron un total de 45 anos ao servizo da administración pública, con varios alcaldes, algúns previos á democracia. Comenta que o trato coa xente foi o que máis lle gustou do seu traballo así como o feito de poder axudar e servir con proximidade á súa veciñanza, ao igual que o fixera o seu pai. Recorda ir parroquia por parroquia para actualizar o censo que naqueles anos superaba aos concellos veciños. Hoxe ve con tristura a perda de poboación de Rois.
Carmiña di sentirse privilexiada polo traballo que tivo e do que está moi agradecida. Pero non quere deixar de facer referencia á súa vocación social, como promotora de actividades culturais do noso concello. Lembra con certa ironía os tempos nos que as mulleres realizaban o servizo social, no que ela tamén colaborou, algo así como “a mili para os homes”, e no que moitas accedían a un certificado de servizo social preciso para certos trámites como podían ser sacarse o carné de conducir. Logo viñeron outras nas que foi dinamizadora e creadora, tales como o plantel de Extensión Agraria, a Anpa de San Isidro do Ceip de Rois, da que foi membro do Consello escolar, o grupo folclórico Chorima ou a Asociación de Amas de Casa de Rois, da cal é presidenta dende hai 25 anos.
Carmiña é un exemplo de muller que realizou un traballo nun mundo laboral moi masculinizado nos seus inicios. Abriu camiños a moitas que se incorporarían logo e que hoxe, en moitos consistorios, son maioría. A ela debemos agradecerlle o seu labor como unha veciña ao servizo dos seus paisanos e paisanas tanto dende a administración local coma dende o asociacionismo
Na actualidade, Carmiña está xubilada. Ten unha vida tranquila con Manuel, o seu home, co que tivo dous fillos: Pablo e Diego. Formou unha familia, aquí en Rois, o lugar do que di sentirse enormemente orgullosa.
ANNA JOHNSON
Anna, Anita como a coñecemos nace o 26 de xullo de 1976 en Benin City (Nixeria), filla de Peter e Rosaliana, que froito da súa unión teñen 12 fillos e fillas, sendo ela a maior.
Ten dous fillos, Antonio e Jonathan Jr, e o seu home chámase José Antonio. Vive en Rois desde hai 15 anos. Antes residiu en Madrid e na Estrada, ata que definitivamente se asentou na Peruca.
Leva dous anos traballando en axuda a domicilio para o cal realizou un curso de 6 meses en Padrón e tivo que ir a Silleda a obter o certificado de profesionalidade. Anita séntese moi valorada no seu traballo e sabe que a súa figura é un piar base na vida de moitas persoas maiores. "Cando colles vacacións, deseguida están a chamar para saber cando regresas"
A Anita gústalle moito o seu traballo, aínda que desgasta moito, sobre todo a nivel psicolóxico, como todo traballo con persoas vulnerables.
CHARO RAMOS FERREIRÓS
Charo nace o 7 de outubro de 1973 en Rois, filla de Enrique e Silvana. Ten catro irmáns: Ana María, Eulalia, Guadalupe (melliza) e Enrique Jose (Quique) finaliza o estudo básico e ten claro que se quere dedicar ao mundo da estética. É por isto que emigra a Barcelona, á casa dunha tía, para se formar neste ámbito, ensino que finaliza en 1991 coa especialidade de “visagismo”, consistente na transformación da cara na busca do óvalo perfecto, como se denominaba na antiga Grecia.
De volta a Galicia, compatibiliza o traballo na perruquería da súa irmá co nocturno no Rosalía de Castro para acadar o bacharelato.
Entre 2005 e 2007 realiza o ciclo de “Caracterización e maquillaxe audiovisual” na Escola de Imaxe e Son de Vigo, onde unha vez titulada, imparte formación durante 5 anos. A partir de aí, traballa na TVE, na TVG e en publicidade. Ofrécenlle varias propostas cinematográficas, que descartou, xa que participar nestes proxectos supón ausentarse da casa, e desvincularse durante tempadas da súa vida familiar. Aínda así, como é un mundo que a apaixona, non deixa de aceptar propostas en Galicia con produtoras que sabe que son profesionais e serias no trato coas persoas profesionais, formando parte das reunións de planificación de proxectos, efectos especiais, caracterizacións...
Actualmente monta na casa dous proxectos cos que se sente feliz: Charo Make´s Up, un estudo de estética que traballa fundamentalmente a maquillaxe de evento e co que leva 7 anos. O seu traballo pasado na perruquería da súa irmá deixoulle unha ampla carteira de clientas que sempre lle pedían o seu traballo para moitos tipos de eventos. Este traballo fixo que se animara a montar o seu propio negocio, que está en auxe con moitísima clientela nova, dado o boca a boca e a difusión nas redes sociais.
Pero este proxecto laboral compaxínao co seu traballo voluntario de rescate e recollida de gatiños e gatiñas, para o que habilitou na casa un espazo específico para os máis de 20 exemplares cos que conta actualmente. Tanto Charo coma a súa parella son un referente Sendo no mundo de coidado animalista.
MARÍA GARCÍA GONZÁLEZ
María nace o 29 de abril de 1981 en Tuimil (Bóveda), filla de José e Florita e irmá de Manel. María fala de María Águeda, a súa avoa, como unha muller que cosía moi ben, e coa que aprendeu as cousas básicas de costura. A súa avoa cosíalle cos retallos que lle sobraban os vestidos das dúas bonequiñas que María tiña de nena. E esa imaxe tena moi gravada no corazón.
Ao finalizar o bacharelato, lánzase ao mundo laboral, traballando moitos anos en hostalaría, algúns en supermercados e incluso na administración de lotaría de Santiago. Como camareira coñece a Pablo en terras lucenses, a súa parella, e ao destináreno a el a traballar na comarca da Maía, trasládanse os dous a estas terras. Ela vive nos Ánxeles 6 anos, antes de mercar a parcela na que edifican o seu fogar actual.
Xa casada, María ten a Samuel, polo que pide redución de xornada para poder dedicarse ao pequeno. Xa con Pablo, que nace con algúns problemas de saúde, decide deixar o traballo e centrarse de pleno no seu fillo.
Cando Pablito, como lle chama agarimosamente ao seu neno, comeza na escola infantil aló polo 2013, e co seu gusto pola costura, decide facerlle a mochila da merenda e axenda escolar. Este produto crea grande expectación no resto das familias das escola, recibindo multitude de pedidos, xa non só de mochilas, senón tamén de mandilóns e outros artigos para os nenos e nenas.
Posteriormente chega as súas vidas a pequena da familia, Águeda. Deste modo, de forma completamente autodidacta, e a través de ensaios, probas e erros e innovacións artesanais, a súa produción ante a demanda é enorme. E así nace, Masquemamás, a empresa que crea hai 5 anos, coa montaxe na casa do seu taller.
Aínda que o taller o ten na casa, algo fantástico como di María para “conciliar”, nun principio tiña intención de alugar un local. Esta proposta fixo que se dedicara a percorrer todas as inmobiliarias de Padrón, preguntando polo alugueiro, anécdota que lembra con certa tristura: “fai cinco anos fun cos meus dous fillos daquela, con Pablito no colo, por todas as inmobiliarias de Padrón. Quedaron en todas as oficinas en chamarme, algo que ningunha delas fixo nunca. Este trato fatal fíxome pensar que non me tomaron en serio, e que ao mellor estaba a dar unha imaxe pouco profesional ao ir cos dous pequenos. Agora visto para atrás, decátome da pouca sensibilidade coas nais emprendedoras e estou agradecida por ter tomado a decisión de montar o taller na casa”
Este traballo co que goza e no que ten unha marca única, compatibilízao actualmente coa figura de coidadora no CPI Os Dices-Rois.
ROSA MARÍA NOYA GRELA
Rosa nace o 1 de novembro de 1986 en Pedroso (Padrón) filla de Ramón e Marina e irmá de Natalia. Actualmente vive en Urdilde pero viviu na Meana 7 anos, lugar de onde son seus pais. Seus avós son de Tourís.
Rematou os estudos en Padrón no IES Macías o Namorado, pasando antes por Rois onde realiza os estudos de educación secundaria e comezou a estudar un ciclo de auxiliar administrativo. Traballou coidando nenos e nenas e cubrindo vacacións na gasolineira de CEPSA en Casalonga (Teo).
Por casualidade, forma parte do cadro de alumnado dun curso para obter o carné de conducir de camións a través do INEM. Como realiza a formación en mes e medio e o curso era de 3 meses, a xerente da autoescola proponlle facerlle un desconto para obter o carné de condución de autobuses, isto no ano 2008. Con este carné e xa no 2009, empeza a traballar en autocares Bustelo durante catro anos, sendo daquela a única muller no cadro de persoal.
Cando deixa de traballar nesta empresa, e polo seu grande amor aos seus avós, realiza un curso de Atención sociosanitaria en institucións. Posteriormente ten unha proposta de traballo para conducir un autobús grande para un centro educativo privado, que acepta. Estando a traballar neste servizo, Rosa recibe unha oferta de Monbús, que acepta, e pasa a formar parte do cadro de persoal da empresa, case desde hai 6 anos ata a actualidade. En novembro fai dous anos en que a fixeron indefinida.
Por parte do conxunto de compañeiros e superiores, non ten ningún tipo de problema no trato coa súa profesionalidade, senón todo o contrario. Cando comezou, sendo unha rapaza nova, si atopou algún comentario por parte de mulleres clientes como “pero onde vas ti conducir?” e subindo ao autobús coa teima de poñeren en perigo a súa vida, por se tratar dunha muller ao volante. Agora unha vez finalizado o traxecto, sempre atopaba felicitacións como “es a mellor condutora que tiven na miña vida”
Algunha vez tivo algún tipo de detalles ou críticas, como confundírena cunha coidadora en vez de condutora de bus por parte dalgún condutor ou noutra ocasión, ante as burlas dun compañeiro saiulle á defensa un colega xa xubilado cunha frase que a marcou: “mozo, esta rapaza ten máis quilómetros no cu que ti nos ghuevos”
VANESA RODRÍGUEZ BRALO
Vanesa nace o 28 de setembro de 1989, filla de Antonio e Amelia. Estuda en Rois e en Santiago, realizando o Ciclo Medio de Farmacia, titulación a través da que xa leva 10 anos a traballar na farmacia do hospital provincial de Conxo pola Fundación Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS). Actualmente leva desde decembro no Hospital Clínico Hospitalario de Santiago realizando ensaios clínicos.
Vanesa sempre amosou grande interese polas motos. A raíz de emparellarse con Diego, deportista de Motocross Enduro, inicia a nivel afeccionado a súa incursión no mundo aló polo ano 2009. E está encantada.
Sabe que son poucas as mulleres que se dedican ao motocrós. Nos campionatos poden contarse cos dedos dunha man, e sobran dedos. Ao comezo ía con medo por atoparse con algún tipo de comentario despectivo por ser muller, algo que nunca aconteceu. Todo o contrario. Sempre ten o apoio dos seus compañeiros.
Encántalle formar parte do mundo do motocrós e percorrer os domingos os fermosos montes de Rois, xunto á súa parella e ao resto compañeiros.
CELIA TOURÍS SEOANE
Celia nace en San Miguel de Costa, hai 71 anos. Filla de María e José é a máis nova de tres irmáns. Críase nunha casa labrega onde o traballo nas leiras e cos animais deixaban pouco tempo para a asistencia á escola. Celia ten bos recordos do tempo que pasou nela e conta que era unha alumna con aptitudes. Algo que soubo ver un tío que tiña en Barcelona e que animaba aos pais para que estudiasen a nena, pero eran tempos de moita carencia e estudar un fillo era tarefa imposible.
Aos 17 anos mandárona aprender a coser a Padrón. Conta que baixaba de Costa ata Rois andando e que alí collía O Ferrolano, un autobús da época que a deixaba en Padrón. Aprendeu cunha patronista da época a facer pantalóns.
Con 21 anos coñece o seu marido, casan ao pouco tempo e Celia deixa a casa dos pais para iniciar unha vida con Ricardo na casa dos sogros, situada no igrexario da parroquia de Urdilde. Desta relación nacen 4 fillos, dúas nenas e dous nenos. Celia relata que foron tempos duros onde a crianza de catro cativos pequenos supoñía un esforzo tremendo. Traballábase arreo para sacar uns ingresos insuficientes cos que manter unha familia grande. Con todo deulle estudos a todos os fillos.
A proximidade da familia coa igrexa de Urdilde facilitou que os fillos de Celia tiveran moita relación coa asistencia aos oficios relixiosos da parroquia. Tres dos seus rapaciños foron sancristáns, incluída a nena, Daría. Por aquel entón non era moi habitual ver unha cativa axudando o sacerdote na misa.
No ano 1998, con fillos xa criados e maiores, o cargo de sancristán queda baleiro. Logo dunha xuntanza parroquial, Celia propón ocuparse deste labor. Foi así como se converte nunha das primeiras mulleres sancristás da comarca. Estableceuse unha remuneración económica polos seus servizos que empezou a cobrar en pesetas. Celia conta sentirse moi ben acollida polos veciños fregueses e que ser muller nun posto que sempre asumiron homes nunca lle supuxo ningún tipo de agravio. Está agradecida pola oportunidade de desenvolver este labor.
Na actualidade Celia segue vivindo na casa que a acolleu hai 47 anos con Ricardo, o seu home. Os seus fillos teñen vidas independentes e cólmana de alegrías cando ten aos 6 netos xuntos. Ao mirar para atrás pésanlle cousas como non poder estudar pero, con todo, está satisfeita da súa vida como muller, nai, avoa e sancristá ao servizos da súa parroquia, Urdilde.
MARÍA JOSEFA PIÑEIRO DAVILA
Filla de José Antonio e Dolores. Muller de Manuel Luís. Nai de Luís e Guillermo.
María Josefa é nativa de Boiro, de Escarabote. Desde nena amosou unha gran predilección polas actividades deportivas. Deste modo, aos 15 anos decide encamiñarse no mundo do karate e do "shen chi pai", unha modalidade de kung fu, da man do seu mestre, o recoñecido Juan Hombre. Con el aprendeu tamén o Ninjutsu, unha arte xaponesa de espionaxe e das guerrillas. Nesta modalidade María Josefa aprendeu a habilidade de realizar golpes, realizar luxacións articulares, lanzamentos, derribas e uso de armas tradicionais; buscando formar a persoa, de forma similar ao conxunto das artes marciais tradicionais modernas. María Josefa casa en 1988 e por este motivo trasládase a vivir a Rois, ao lugar de Quintáns. Este cambio desvincúlaa co mundo das artes marciais que tanto a definiu e que como ben di "sempre formará parte de min, non o esquezo, igual que andar en bicicleta"
Actualmente é autónoma e traballa como asistente persoal na zona de Santiago de Compostela. O seu espírito activo fai que continúe a realizar todo tipo de deportes: pesca, natación, andainas, mergullo; calquera escusa é boa para aproveitar as saídas culturais e excursións de lecer ás que se poida anotar.
LUCÍA ESPARÍS GÓMEZ
Lucía nace hai 52 anos, o 13 de decembro de 1967, na parroquia de Urdilde, no lugar da Calle. Filla de pais emigrados, María Gómez e Secundino Esparís, é criada pola avoa materna, Purificación. Lucía é vinculeira, dado que o matrimonio non tivo máis fillos.
Inicia os seus estudos no colexio público de Urdilde onde presenta certas dificultades na aprendizaxe. Recoñéceselle unha discapacidade intelectual e con quince anos finaliza a súa etapa escolar.
Lucía comeza unha vida doméstica, nun espazo que a familia se encargou de protexer.... en ocasións con excesivo celo. Nese empeño de protección, facíanse, pensábanse e decidíanse cousas por ela. Ser muller, rural e discapacitada hai máis de trinta anos eran características moi complicadas para poder medrar e camiñar cara a unha vida independente e autónoma.
Certo é que na vida tamén se nos cruzan persoas tan importantes que son os detonantes de cambios. Ás veces esa persoa foi un mestre, un amigo, un familiar ou unha veciña que instala a súa farmacia en fronte da casa. Mercedes foi esa veciña que abriu unha ventá pola que entraron infinidade de bos consellos, de moito cariño e de empeño por procurar unha vida con maiores posibilidades para Lucía. Da man dela viñeron a participación nos talleres do concello para PcDi e posteriormente a entrada en AMIPA como traballadora no Centro Ocupacional.
Tristemente, un problema de saúde dos pais trunca a vida familiar. Lucía cesa o seu traballo na AMIPA para dedicarse 5 longos anos ao coidado absoluto da nai. A discapacidade non limitou nunca o excelente coidado a unha persoa dependente cunhas esixencias médicas moi altas. Foron anos de sacrificio e esforzo que, aínda con apoios externos, recaeron fundamentalmente nela. Pero os anos foron pasando e na actualidade, Lucía:
-Ten unha vida independente na súa casa.
-Traballa no centro ocupacional AMIPA.
-Sacou por libre o certificado de estudos primarios
-Conta cos apoio do seu curador, unha figura clave encargado de orientada e asesorala nas xestións que así o precisen.
-Ten parella.
-Divulga os dereitos das persoas con discapacidade intelectual dentro e fóra da súa comunidade.
Lucía é unha muller rural galega con capacidade para facer, pensar e decidir por si mesma