Foliada en Rois "Terriña... A Nosa!"

José María Cebeiro Fernández | Xosé Francisco Noia Souto

Portada Foliada en Rois Terriña... A Nosa!

A Requinta dos Portelas. Moares. San Martiño de Ermedelo


Na década dos corenta cando xermola a actividade musical da familia Martelo Lapido, asentada nunha casa de forte labrada na que nacen unha rapaza e seis varóns dos cales cinco serán iniciados na música tradicional. O seu pai contrata un mestre de obra co fin de levar a cabo unha reforma na vivenda e, o mesmo home, será o encargado de formar un conxunto integrado por: Benedicto, á gaita; Estanislao, á caixa e Maximino, ao bombo. Os Portelas souberon combinar por máis de 50 anos a facenda, o traballo duro e escravo do campo, coa disciplina que requiría a música da Requinta.

A finais do 2013 falecía o derradeiro gaiteiro da Requinta dos Portelas, don Maximino Martelo Lapido, o máis novo dos sete irmáns de Moares. Maximino sempre viviu acompañado da gaita e cheo dunha vitalidade e humor inconfundibles, o que nos alegraba e aderezaba co seu bo facer. Ao seu carón e como caixeiro seu compañeiro de fatigas, don Francisco da Senra, quen o acompañou nos últimos vinte e tantos anos pondo música alá onde eran chamados. Nos derradeiros momentos da súa vida Maximino Portela colaborou con músicos en diferentes formacións como Os Breas de Esteiro.

Arturo e Maximino, coas gaitas; Aurelio, co bombo con pratiños e Estanislao, á caixa
Pasodobre de Moares
Maximino e Aurelio Martelo

Os Xaneiros. A Casa do Porto. San Mamede de Rois


Os Xaneiros naceron no lugar da Casa do Porto (Rois) da man de don Xosé Sandiás Xaneiro, apelido que dá nome ao grupo. Trátase dun conxunto de música tradicional constituído polo núcleo familiar. A estrea da formación tería lugar en Padrón. Foi tal a acollida que tiveron que aquel mesmo día saíron outras contratas e tiveron que mirar como facilitar os desprazamentos ás actuacións.

A teima e esforzo do ‘Xaneiro’ fixo posible o que moitos gaiteiros non conseguiran en toda unha vida: chegar a vivir da música, da gaita de fol. A temporada daba comezo coa Pascua de Padrón e remataba coas festas do San Ramón, o que obrigaba a pasar moitos días fóra da casa. Co paso dos anos os fillos foron casando e consecuentemente abandonando o conxunto. Miguel seguía a facer dúo co pai, sempre que o traballo llo permitía. Esta situación obriga a meter xente nova, rapaciños do lugar que se inician no mundo da gaita co mestre Xaneiro.

Chegando á década dos 90, unha enfermidade severa obriga ao mestre Xosé Sandiás a deixar de tocar marchando con el un proxecto familiar que foi quen de facer realidade completando máis de corenta anos como gaiteiro profesional.

Xosé (patriarca) e Miguel ás gaitas; X. Manuel co tamboril; Rosita ao bombo e Mª. Dolores á pandeireta
Caldo e redoblada
Miguel Sandiás Bustelo
Miguel Sandiás Bustelo

Pandeireteiras de Buxán. San Xoán de Buxán


Todo comeza polo ano 63, da man do Sr. Francisco Chouzas Tobío, ideólogo deste conxunto mixto integrado por dous homes e entre 5 e 6 mulleres que cantan acompañados de pandeiretas. Nese ano os organizadores das festas do Santiaguiño do Monte (Padrón), o Sr. Pajares, Beiro, Camilo de Casilda e Pepe ‘o Baleirón’ solicítanlle ao Sr. Paco que forme un conxunto de voz coa finalidade de actuar nas festas populares coñecidas co nome de ‘Fiestas de Galicia’.

A profesionalidade era tal que facían academia para ensaiar e practicar o repertorio, polo xeral sempre na palleira da casa de Paco en Fufelo-Picadizo, parroquia de Buxán. A formación ofrece actuacións de canto e pandeireta a cambio das pertinentes prestacións económicas, algo insólito para un conxunto de pandeireteiras, quen non acostumaban tocar máis ca en xuntanzas improvisadas sen retribución.

O auxe do conxunto fixo que no segundo ano de actuar en Padrón o Sr. Paco constituíse outro grupo de pandeireteiras, conformado por dous homes e entre cinco e seis mulleres actuaban tamén baixo o mesmo nome: Pandeireteiras de Buxán. O que máis destacamos deste conxunto de mulleres e homes era a virtualidade para cantar ao son da pandeireta; polo xeral facían dúas voces entre ambos, unha grave para os dous homes e outra alta para elas.

O nome das Pandeireteiras de Buxán mantívose en activo nas festas de Padrón, mesmo despois de non concorrer a elas. O conxunto liderado polo Sr. Paco marcou un antes e un despois na comarca, sendo moitos os que seguiron os pasos iniciados pola xente de Buxán.

Pateado de Buxán

Brisas do San Mamede. San Mamede.Rois


O de ser gaiteiro ó Sr. Albino Figueiras Rodríguez vénlle de familia, pois seu padriño foi quen, ademais de darlle o nome, a persoa que lle transmite o gusto pola gaita de fol. Hoxe seus veciños coñéceno por Albino ‘o gaiteiro de Carrais’ (Herbogo), pois leva sesenta anos instalado neste lugar. A proximidade coa música fai que Albino con só oito anos colla a caixa; seu irmán José, con dez, a gaita; e José, seu veciño de sete anos, o bombo. Os raparigos conforman o primeiro trío tradicional Airiños de Cerqueiras, no Araño (Rianxo).

Ao pouco de cumprir co servizo militar, en San Caetano (Compostela), Albino decide casar para Rois de Arriba e abandonar o grupo ‘Airiños de Cerqueiras’ comezando unha nova etapa musical en Brisas do río Sar, liderado polo gaiteiro de Carrais ‘Mourelos’, veterano e recoñecido na zona. Comeza un novo período e pasa a tocar na Banda Municipal de Padrón grazas ao seu padriño, quen llo presenta ao director formación padronesa, don Tomás Betteta, para cubrir a praza de gaiteiro.

O devir dos anos fai que o noso protagonista perda ilusión pola banda de música deixando a formación municipal e pasando a acompañar co tambor e a gaita a outro grupo afamado en Rois: Os Xaneiros. A finais dos oitenta crea o que sería o seu derradeiro grupo de gaitas: Brisas do San Mamede de Rois. Acudía ás festas e escoitar os grupos de moda na altura, tales como Os Campaneiros, Os Areeiras, Os Beiros de Ponte Nafonso, ou a Requinta dos Portelas(seus veciños de Moares).

O señor Albino foi un activo da historia musical en Rois, mestre de vocación e gaiteiro de corazón.

Albino Figueiras Rodríguez e Ricardo Tobío Pazos, á gaita; Hipólito Cerqueira Moares, á caixa; e ao bombo José Manolo Rodríguez
Jota dos Brisas

A Chisca. San Xoán de Buxán


As señoras Julia Baleirón Bustelo e Josefina Caeiro Freire son testemuño directo dun pasado recente no que o ritmo de vida era duro pero máis calmo e onde primaban outros valores como a lealdade, o cooperativismo, a unión, etc. Todo baixo o forte respecto e estima polos nosos maiores. Aprender a tocar a pandeireta era algo natural e case intuitivo que se desenvolvía nas reunións celebradas decote nas aldeas.

Grazas a unha memoria privilexiada, as nosas transmisoras son fonte de sabedoría popular, lembran o que se cantaba en cada época do ano os diferentes ritmos a interpretar nas foliadas (danza, mazurca, muiñeira, pateado,etc). De entre todo o repertorio de Julia e Josefina eliximos ‘masurca’. Esta peza podémola considerar case un himno, pois tanto a melodía como a letra son as máis estendidas no municipio, aparecendo interpretada baixo diferentes ritmos por gaiteiros, charangas, grupos de pandeireta ou a capela. O ‘Canto da Chisca’, que vén ser unha melodía que empregaban para cantar ao aire sen pandeireta.

En canto á construción deste canto ao aire, componse dunha alternancia fixa entre copla e retrouso, no que as primeiras son reutilizadas de calquera outra peza pero sometidas á nova melodía, mentres que o retrouso repite tras finalizar a copla.

O legado do grupo de Buxán foi recollido anos máis tarde pola Asociación cultural A Serna, constituída no ano 1988 con este propósito: recuperar e divulgar o folclore galego. A devandita asociación foi a primeira constituída no concello de Rois.

Foto de familia achegada pola neta de dona Julia, Eva (na imaxe)
Mazurca e canto da Chisca
Julia Baleirón e Josefina Caeiro

Rosalía Bargo Estévez. Xallas. Santa Marta de Urdilde


Sra. Rosalía naceu na parroquia de Urdilde. Como tantas outras rapazas de seu tempo, aprendeu a bailar e tocar a pandeireta dos maiores do lugar, nas foliadas e festas da contorna. A década dos 60 supuxo unha época de grandes cambios e de progreso económico grazas en gran medida á forzosa emigración europea de infinidade de galegos e galegas. Nestes anos incorpóranse unha serie avances que provocan unha remuda social e de rotura coas tradicións máis arraigadas da nosa cultura: a denominada modernización ou industrialización do campo.

Entre o repertorio da nosa transmisora eliximos o tema do ‘Canto de namorar’ que nos interpretou na súa casa de Xallas, hai uns vinte anos. Esta composición consideramos que fai xustiza do seu bo facer e nos permite trasladarnos no tempo ás foliadas que se celebraban hai décadas ao abrigo dun pallote.

Rosalía Bargo Estévez
Canto de namorar

Herminia Curra Mayo ”A Fidalga” Contimundi. San Mamede de Rois

As foliadas eran a escusa perfecta para romper coa monotonía do devir cotián, sobre todo nos meses de inverno cando non abundan as festas e as horas de luz redúcense á metade. Neste contexto de lecer, a situación para as mulleres casadas era ben diferente pois non estaba ben visto que alternasen nas festas sen cadanseu marido. Disto todo dá boa conta dona Herminia ‘a Fidalga’ quen se criou nunha casa con negocio propio, un ultramarinos que abastecía o núcleo de Rois dende o lugar de Contimunde, sede do almacén.

A paixón polo canto e a pandeireta levouna durante moito tempo a ser fiel seguidora e participante de programas da radio galega, como ‘Pensando en ti’, en horario nocturno e ata o amencer, coa finalidade de entreter a xente que non dorme. Ocasións deste tipo provocaban a chamada á radio de dona Herminia para botarlle unha desas de sempre, por suposto acompañada da pandeireta e dando unha lección da tradición; así chegou a converterse nunha asidua aos faladoiros das noites na Radio Galega.

A piques de pechar este traballo chegou a nós unha cinta de audio da man de dona Cristina García, mestra de galego nos Dices de Rois a finais dos oitenta. Neste casete de cromo había unha inscrición que rezaba nunha das caras: “Casa do Fidalgo, 1987”.

Herminia Curra Mayo
Jota e Muiñeira Contimunde

Ramona da Peruca. A Peruca. Oín

Ramona García Rosende naceu na Peruca, parroquia Oín. Foi unha das grandes pandeireteiras do país e a mostra atopámola na súa pupila -Ramona da Peruca- que toca a pandeireta que a ‘fai falar’ amosando un talento innato á hora de tocar o instrumento.

En canto á tipoloxía de ritmos a nosa transmisora só toca muiñeiras e pateados -nome co que define os ritmos de jota- designación empregada na contorna de Santiago (Amahía, Val do Ulla, Vea, Sar...). Verbo dos ritmos para bailar o agarrado, empregan moito o valse corrido que denominan ‘ranchera’ que con moitas e ricas variantes de melodía, presenta certa complexidade á hora de ser interpretada e executada.

Ramona García Rosende
Canto de nadal

Pandeireteiras de Ermedelos. San Martiño de Ermedelo.

Nun primeiro momento demos en mal recoñecelas como pandeireteiras de Aguasantas, pola localización onde selevou a cabo a devandita xuntanza, xa que a procedencia das transmisoras era moi variada. De todos os ritmos interpretados decantáronse pola ‘dansa’. Podemos dicir que as danzas e mazurcas son os ritmos máis esquecidos tanto polos grupos de pandeireteiras como polas demais formacións musicais. De feito as nosas transmisoras aínda lembran cando os aprenderon a tocar das máis vellas do lugar e como case que dende aquela non os volveron practicar.

As pezas van mudando e xerando unha riqueza inmaterial no país, cantos máis intérpretes haxa máis versións existirán, o que se contempla coma a evolución lóxica e natural do noso folclore, en constante evolución e adaptación. Unha tendencia nestes anos podemos resumila en que ‘o vello volta ó novo’, recíclanse temas para adaptalos aos novos gustos sociais, xustificación para a presenza e mudanza de coñecidas pezas no tempo.

O Concello de Rois destaca por manter moi vivos os bailes agarrados de pandeireta. No percorrido realizado por estas terras decatámonos axiña da gran cantidade de grupos de pandeireta que acumulaba cada parroquia, sendo o máis simbólico a pertinente analoxía entre eles. Moitos chegan a compartir a mesma raíz melódica e rítmica dunha única peza, aínda que co selo propio na interpretación que diferenza unhas formacións das outra.

Pandeireteiras de Ermedelo
Danza corrida

San Vicente de Augasantas

De entre o repertorio constatado nas agrupacións musicais hai un ritmo por excelencia que conecta moi ben co público e responde ás melodías populares que gozan de letra, temas cantados acompañados principalmente pola gaita de fol que nos remiten a composicións identificativas da nosa terra tales como A Carolina, A virxe de Guadalupe ou Camariñas. Un sen fin de melodías que todos coñecemos.

O ritmo máis empregado para estas melodías son os próximos ás jotas, máis ou menos valseados, o pateado... diferentes variantes coñecidas co nome de ‘fuliada’ ou foliada, palabra utilizada en moitos casos para interpretar con voz “temas de sempre”, como ben din os nosos transmisores.

O termo foliada fai referencia popularmente a calquera ritmo ou tocata para bailar o solto -muiñeira ou jota-, o que en moitos casos dá nome á reunión improvisada de carácter lúdico e social que representa a xuntanza da mocidade cunha única finalidade de pasalo ben. Na actualidade, e en calquera área do país, enténdese na fala coloquial do pobo “faser fuliada” por “faser festa”. O noso protagonista –o Sr. José– oficiou de parella á percusión do gaiteiro Arturo Martelo Lapido, unha vez que desaparece a Requinta dos Portelas de Moares.

Foliada na Taberna de Angueira
Fuliada na Angueira
José Angueira e Arturo Martelo

Muiñeira e Jota de Agrafoxo. Santa María de Urdilde

No lugar de Agrafoxo da man do señor Baldomero Calvo Figueiras, gran cantador, tocador e bailador onde os haxa, xunto coas pandeireteiras Manuela María e Ramona Nietos Esparís. Eles foron quen de recordar para nós as vivencias daqueles anos cando se facía foliada nas eiras, celebrar os casamentos na casa ou as saídas da misa o día do patrón. Grandes entusiastas da nosa tradición con quen pasamos tardes inesquecibles.

De entre o repertorio dos transmisores escollemos muiñeira e jota por ser estas as que máis gozan á hora de ser interpretadas, sen tempo limitado podían botar case unha hora deseguido tocando con calquera destes ritmos ata cansar os bailadores.

A través de xente maior -transmisores-, que formaron parte de grupos de pandeireteiras, requintas, cuartetos ou gaiteiros, temos constatado que, polo xeral, a forma de interpretar ritmos como a jota e a muiñeira mudou bastante, pois antes eran de cadencia máis pousada mentres que na actualidade a tendencia é a apurar e acelerar as melodías. Existen moitas razóns para debater este fenómeno pero o que está claro é que o baile solto deixouse de interpretar dunha maneira intuitiva, salvo casos excepcionais.

O feito de xuntárense para a foliada é algo que se procura recuperar na actualidade por diversas asociacións. Principalmente desde hai uns anos, e moitas veces coa axuda da convocatoria nas redes sociais, teñen lugar os ‘Seráns urbanos’ nos que unha parte da mocidade procura expresar “o solto”, normalmente en recintos fechados, de xeito semellante ao que acontecía antano en todos os lugares e aldeas do rural onde estas festas improvisadas eran das poucas diversións coas que contaban.

Muiñeira e Jota de Agrafoxo

Francisco Chouzas Tobío. Picadizo. San Xoán de Buxán

Grazas aos versos cos que arrancou o Sr. Francisco Chouzas Tobío, dun xeito maxistral e auténtico, por uns intres fomos capaces de nos trasladar a un daqueles casorios cargados de simbolismo e crenzas férreas na nosa tradición. Os recordos sobre os casorios permanecen vagos na memoria dos nosos maiores, mais dan testemuño e fan xustiza do diversas e amplas que son as manifestacións culturais do país, identitarias dentro dunha sociedade rural a piques de esmorecer.

No concello de Rois, esta manifestación foi mudando co paso dos anos ata que se foi perdendo. De feito, só fomos quen de atopar fragmentos que no seu día formaron parte dun proceso de casamento, dando conta do calado deste rito que xira en torno á regueifa. Inicialmente o termo identificábase co bolo de pan protagonista, mais tamén dá conta do enfrontamento verbal a través de versos libres protagonizado por homes –polo menos dous- chamados regueifeiros que disputan o devandito bolo de pan.

As regueifas foron e seguen a ser motivo de celebración por todo o alto. Aínda que moitas das particularidades foron desaparecendo de xeración en xeración, sobre todo os costumes tradicionais como o canto e a danza que os acompañaban e que nunha época ida foron piares esenciais dunha cultura ancestral única. Pola contra podemos dicir que a parte máis simbólica e emotiva deste rito segue a manterse, o feito de xuntar os seres queridos e facelos partícipes da unión de dúas persoas.

Canto de regueifa
Canto de regueifa

Pandeireteiras de Peruca. Oín

O Lugar da Peruca, Oín - Rois, atópase dividido por unha estrada veciñal que parte a aldea pola metade, pero o que é máis interesante é que cada parte pertence a unha parroquia distinta, a un lado Oín e ao outro Seira. Este feito non supuxo impedimento ningún para unha boa e cordial relación veciñal, pois a xente segue a xuntarse na que no seu día foi a carballeira da feira do 23.

Hai moito tempo este lugar era o punto neurálxico onde se desenvolvía gran parte da actividade económica e lúdica da zona. Na actualidade e, aínda que a concentración parcelaría restrinxiu en gran medida a extensión, séguese a manter na carballeira un espazo comunal para os veciños da Peruca do cal están moi orgullosos.

Hai case catro anos -acabado de rematar o local social de Rois na Peruca- cando un grupo de mulleres decide ir chamar á Sra. Ramona para que lles ensine a tocar a pandeireta. Iniciativas coma esta son obxecto de especial loanza, pois por vontade propia estas mulleres de idade tiveron a ben xuntarse en torno á tradición.

Pandeireteiras da Peruca
Valse corrido

San Martiño de Ermedelo

O proceso de actuación dos panxoleiros de San Martiño de Ermedelo, era o seguinte: ao chegar á porta dunha casa o dia de reis o primeiro era pedir licenza e respetando a decisión dos amos da casa, cantábase ou non. Unha vez concedida, interpretábanse os Cantos de Reis en dous grupos nos que cada bando executaba cadanseu pé, o que permitía facer máis cómoda a representación dos versos. Saían tres ou máis homes, pois polo xeral era un rol reservado aos homes, acompañados pola melodía da gaita.

A finalización dos cantos viña dada pola petición do aguinaldo que adoitaba darlles peche.O cometido sempre tivo un nó común: xuntar cartos e comida para logo facer unha festa.

Logo de cantar os Reis pola parroquia, no concello de Rois era costume acudir á misa de cedo do día 6 de xaneiro, a ocasión era unha das poucas nas que á gaita se lle permitía o acceso ao templo, xa que dende a Idade Moderna o se uso era restrinxido.

Canto de Reis
Canto de Reis

Josefina Gómez Mata. Angueira de Castro. Sta. Mariña de Ribasar

Na parroquia de Ribasar situada no leste do concello de Rois, atopamos moi poucos referentes ou testemuños vivos do noso folclore. A cuestión é que as nosas transmisoras acordan como de rapazas se facían as foliadas nas eiras comunais de mallar e as que tocaban a pandeireta eran mozas feitas, mais non tomaran o relevo nesta arte, a ningunha se lle dou por aprender a tocar a pandeireta nin a bailar o solto. Un dos datos que máis nos chamou atención é o feito de que en toda a parroquia de Ribasar non demos coa figura do gaiteiro.

Recompilouse a vivencia transmitida por dona Josefina Gómez Mata. Os chamados ‘anos da fame’, son o marco da historia, onde a escaseza de alimentos era un feito real que padecía a maioría da poboación. As autoridades estaban obrigadas a tomar medidas na repartición de consumibles a través das cartillas de racionamento, vales coa intención de evitar o estraperlo a modo de transición económica, xunto aos pagarés que controlaba o concello, permitindo comercializar parte da colleita fixando prezos por quilogramos. Aínda eran unhas cativas Josefina e mais dúas compañeiras cando teñen que saír da casa de Angueira de Castro coa finalidade de conseguir algo de millo para afrontar a subsistencia no fogar, pois a miúdo o froito esgotábase antes de que chegara a outra colleita. Dirixidas dende o concello, as raparigas desprazábanse a zonas altas onde se atopaban as casas fortes de labrada que comercializaban cos seus excedentes.

Josefina Gómez Mata. Ribasar
Conto da lareira

Ramiro Bouzas Tobío. O gaiteiro da Casa do Vento. Santa María de Leroño

O señor Ramiro dende que ten uso de razón teimou en ser músico.Sendo un cativo de oito mercaronlle na feira de Negreira unha frauta; o seu mellor regalo da infancia e co que aprendeu as primeiras melodías de xeito autodidacta. A evolución natural e o paso do tempo fixo que o protagonista devecese por unha gaita. Tal é así que un bo día seu pai sorprendeuno cunha gaita de fol.

Logo do primeiro conxunto, o Sr. Ramiro pasa a formar parte de A Requinta dos Portelas, unha pequena música que chegou a ter varios instrumentos de vento (requinto, saxo, trompeta...),. Esta será unha época inesquecible indo de festa en festa de salón coma un músico de orquestra.

A presenza da música de banda na vida de don Ramiro, veu marcada polo ingreso na Banda Municipal de Padrón, mais pagaban moi pouco por ensaio e tiña de buscar outros ingresos e aforrar no que se puidese.

Logo de abandonar as ganas de tocar non faltaban e os cartos extraviñan ben polo que volveu á gaita de fol co Sr. Eligio no conxunto Airiños de Compostela, acompañado da súa filla Maruja Bouzas, encargada de tocar o bombo. A actividade coma gaiteiro do noso transmisor duraría ata o ano 2012, cando comeza a sufrir algúns achaques de saúde que o afastan das saídas coa gaita.

Ramiro Bouzas Tobío
Muiñeira de banda

Plantel da Extensión Agraria

O Plantel de danza tradicional xorde en Rois no ano 1968 a carón do Servizo de Extensión Agraria caracterizado por amosar grande interese polo grao de interactuación coa poboación agraria. Os fundamentos do colectivo deron especial protagonismo ao asociacionismo veciñal tratando de paliar riscos de exclusión ou discriminación, empezaron a xurdir iniciativas formativas, saídas culturais e tamén a idea de retomar o folclore tan variado no concello.

Ao primeiro constituíuse un taller de baile solto, dicir que só acudiron rapazas, pois daquela os mozos non vían moi idóneo asistir ás clases de baile. A iniciativa foi acompañada pola familia dos Xaneiros, quen de forma altruísta deciden poñer a música nas danzas cando acudían un día á semana para ensaiar. A axuda económica que achega Extensión Agraria e o empeño de todas elas fan que se poñan todas a coser na casa de xeito altruísta, chegando a facer 15 traxes, un para cada moza.

A estrea chegaría no ano 1969 coa festividade de San Isidro labrador, celebrada en Rois o 15 de Maio. A festa era oficiada pola Cámara Agraria, quen abría as súas instalacións e celebraba unha comida. A aceptación social era total, baixo o carácter tradicional da mesma, polo que non podían faltar os gaiteiros na misa e na verbena..

A idade foi o que fixo que alá polo ano 78-79 deixaran de actuar, mais a partir da década dos oitenta florecen outras asociacións que tiveron como modelo as mozas do Plantel, pois moitosl son fillos e familiares daquelas mozas que nos sesenta iniciaron o camiño de recuperación e conservación da música tradicional en Rois.

Informa: María del Carmen García Acosta, ‘Carmiña de Caravel’ (Traballadora do Concello de Rois)
Dale al dindon

Pandeireteiras de Rois. A Serna

Todo comeza alá polo curso escolar 1986/87 nun festival de Nadal no colexio público de Dices – Rois no que tres cativas de non máis de 12 anos interpretan unhas panxoliñas. As voces das raparigas cativan a mestra de lingua galega, de tal xeito que lles propón aprender a tocar a pandeireta e a cantar nos recreos. A profesora era pandeireteira de Cantigas e Agarimos, de Compostela, o que xustifica seu interese e predisposición a ensinar a música tradicional.

Alén disto, a mestra coñecía ben a tradición da pandeireta no concello de Rois, pois xa se interesara no seu momento polas chamadas ‘Pandeireteiras de Buxán’. Logo de tres anos Dona Cristina é destinada á Picota-Mazaricos, deixando atrás un traballo consolidado e cheo de ilusión que culmina co premio no concurso La Salle,. Ao pouco tempo apareceu ‘Merchi’, outra extraordinaria mestra da pandeireta, tamén formada en Cantigas e Agarimos e hoxe coñecida por ser unhas das compoñentes de Leilía. Con ela comezan os ensaios os sábados e os primeros contactos coas pandereteiras maiores da zona.

Unha das pezas identificativa da formación foi ‘Ai Rianxo, Rianxo’; a súa singularidade reside en que cantaban a melodía a dúas voces, nunca antes empregado nos concursos, algo inédito, característica que as levou a gañar por segunda vez o 1º premio no concurso de Cantigas e Agarimos.

Como todo nesta vida ten un final, co remate de oitavo de EXB a cousa comeza a mudar e cada unha colle diferente camiño e, como se soe dicir ‘a distancia fai o esquecemento’. A situación, por outro lado natural e propia do Ciclo da vida, fai que o grupo de pandeireteiras desapareza.

Sorribas. (Gravación achegada por ´Merchi´ Rodríguez Vázquez)
Jota e muiñeira de Vilar de Abade

Leña Verde

O colectivo Leña Verde foi fundado pola Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde no ano 1991, converténdose nunha das primeiras asociacións deste calado creadas en España. bota a andar coas actividadesde baile, gaita e percusión (pandeireta,tambor e bombo) sempre amosando gran preocupación polo folclore do país, tanto na recuperación coma na exhibición.

Co paso do tempo a xente deixa de ser rapaza ou rapaz para ser adolescente, o que conleva que as prioridades cambien. A amizade das raparigas, unida á calidade que atesouran fai que superen as dificultades e permanezan unidas ata 2003, cando deciden pechar a porta. Nun dos últimos concursos nos que participaron como grupo de pandeireteiras no teatro Colón da Coruña, as voces das mozas de Urdilde encandilaron a xente da directiva do O.C.T. Ultreia de Compostela, nunha das que serían das últimas actuacións como pandeireteiras de Leña Verde.

Ultreia rapidamente contactou con elas para que se sumaran ao seu proxecto folclórico; deste xeito seguiron dando conta do bo facer e por unha temporada formaron parte do O.C.T. Ultreia de Compostela.

Leña Verde
Ruada de Bembibre

Alboroque

Alboroque, na actualidade, un conxunto consolidado no eido musical do país. Como eles nos relatan, do que máis gustaban era de quedar para ensaiar e tocar nas alboradas, desas que comezan de madrugada polas nove da mañá e os van levando a percorrer as aldeas da parroquia, achegándose para oficiar os actos relixiosos (alzar-procesión) e tendo como remate o concerto á saída da misa. O ámbito xeográfico de actuación esténdese pola comarca do Sar cara a Compostela e, sobre todo, cara ao Barbanza.

No tocante ao repertorio, como ocorre noutros casos, toman como referencia grupos históricos da contorna cos que mantiveron estreita interacción, caso dos Xaneiros ou de Albino Figueira -Brisas de San Mamede-, e xa que logo irían incrementando con pezas dos cuartetos máis senlleiros do país.

As pretensións de facerse profesionais non existen, de feito nunca se chegou a pensar na idea de vivir da música. As preferencias están claras, a familia e o traballo de cada quen, feitos que ás veces provocan ter que recorrera outros compañeiros gaiteiros da zona para completar o grupo nalgunha que outra actuación.

Ricardo Tobío Pazos, Rafael e Santiago Arufe Vilas, Anxo e Daniel Piñeiro Souto
O soño da papuxa

Chorima

No ano 1995 nace no concello de Rois un dos referentes da cultura tradicional, o O.C.T. Chorima ca idea de recoller, ensinar e divulgar o rico patrimonio inmaterial do noso pobo. Rois garda un gran potencial en canto a tradicións se refirel, polo que o traballo de campo e investigación realizado desde O.C.T. Chorima resulta de vital importancia co fin de chegar a recuperar a memoria colectiva do pobo ao que pertence a propia asociación.

Na actualidade o O.C.T. Chorima é o único colectivo que mantén unha escola activa de música e danza tradicional no concello de Rois, cunha canteira formada por máis de sesenta rapaces -alumnos e alumnas que van dende os tres anos e adultos de ata 35. A entidade cada ano vai en aumento estimulando os lazos veciñais entre os máis novos, xa que son moitas as horas que pasan xuntos nos ensaios e viaxes, sendo estas últimas unha porta aberta a coñecer mundo.

Unha das iniciativas máis loable, que están desenvolvendo desde O.C.T. Chorima de forma anual e con moito éxito, é a de homenaxear a unha persoa ou colectivo senlleiro do concello de Rois. O requisito principal é que o homenaxeado/a garde unha fonda relación con mundo do folclore. Deste xeito cada ano danse as xentes de Rois nun emotivo acto público, co fin de sacar do anonimato un testemuño vivo do folclore.

Imaxe de O. C. T. Chorima na viaxe a Cantabria
Caroi e Erboedo

Xoldra

Alá polo ano 1994, e froito da ilusión duns mozos e mozas, comeza un novo proxecto a coller forma. Nace así Xoldra, como festa, o ideal dun ambiente festeiro divertido e sen complexos. Esta expresión está moi arraigada no concello de Rois e representa á perfección o sentir do folclore e, máis polo miúdo, a música. En orixe o grupo estaba conformado por sección de pandeireteiras, corpo de baile e gaiteiros. O nexo de unión entre eles estaba sostido pola amizade que os precedía, mesmo moitos estaban interrelacionados (primos, irmáns, sobriños,mozos/as...) constituíndo un ‘clan familiar’. Co paso do tempo foi minguando o númeo de efectivos, debido ao propio ciclo da vida ata que se reduceu nun estupendo cuarteto formado por dúas gaitas, bombo e tamboril. Nunca os integrantes do grupo pensaron na música coma profesión senón coma afección digna, onde os cartos que percibes por actuar non xustifican o traballo e horas que se dedican.

Moitos dos ingresos son reinvestidos (instrumentos, arranxos...) e o tocar deixa de contemplarse como un complemento económico para se converter nunha satisfacción persoal. Os integrantes de Xoldra, como cuarteto, nunca se viron na necesidade de afrontar un cambio no seu estilo, incorporar outros instrumentos ou variar a filosofía da que beberon, a dos vellos gaiteiros do país.

Camilo A. Rodríguez Vilar (Gaita); Jesús Manuel Mosquera ‘Chus’ (Bombo); Xosé García López (Tamboril) e Miguel Carou Espasandín (Gaita)
Pasacorredoiras A Barreira

Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois

As Cantareiras daAsociación de Amas deCasa de Rois levan varios anos cultivando amúsica tradicional galega. De sempre tiverona inquietude pola nosamúsica, se ben nos últimosanos incrementaron esta vontade de aprender e formaron un grupo estable que rolda as vinte ecinco compoñentes.

Con voces e instrumentos de percusión de man, tales como pandeiretas, cunchas e similares, as Cantareiras repasan todas as semanas o repertorio durante dúas horas. Con cantos de Nadal ou diversas pezas chegadas de todos os puntos de Galicia, a agrupación ten participado en diversos encontros a nivel municipal,pero tamén na edición 2013 do Proxecto Interritmos que organiza a FundaciónPaideia-Deloa.

Este grupo de mulleres, con idades superiores aos 50 anos, foi o pioneiro dos tres cos que colabora na actualidade o Concello de Rois. Faino a través das distintas asociacións de mulleres rurais para o desenvolvemento, por un lado da nosa música, e, por outro, para favorecer o envellecemento activo das súas compoñentes.

As Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois
Muiñeira corrida

As Repeniqueiras de Urdilde

As Repeniqueiras de Urdilde son un grupo de mulleres, as máis delas con idades superiores aos 50 anos, que decidiron recuperar a tradición musical galega. Con base instrumental de pandeireta e a través de diferentes melodías, as Repeniqueiras ofrecen os ritmos máis tradicionais con repertorio de diversos puntos da xeografía galega.

O grupo está formado por unhas vinte integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, que empregan as súas voces e instrumentos de percusión tradicional galega de man, como pandeiretas, cunchas ou pandeiros en concertos e actuacións. En xaneiro de 2011 comezan a súa andaina, movidas por un grande interese na nosa música de raíz. Desde os inicios, as Repeniqueiras realizaron diversas actuacións no Concello de Rois, ademais de participaren no I Certame Interritmos, organizado pola Fundación Paideia-Deloa, feito que lles deu a oportunidade de gravaren o seu primeiro disco: A pandeireta na man.

As Repeniqueiras de Urdilde
Xota de Enviande

Pandeireteiras de Ermedelo

As Pandeireteiras de Ermedelo nacen en 2014 ao abeiro da Asociación de Mulleres Rurais de dita parroquia. Ao igual que as súas homólogas de Rois e Urdilde, contan coa colaboración do Concello de Rois e tamén ensaian dúas horas á semana.

A pesar da escasa bagaxe da formación, as catorce mulleres que a integran xa participaron na edición 2014 do Serán da Lingua organizado polo Concello, momento no que contaban tan só con tres meses de vida. Con todo, e despois da boa acollida experimentada nas primeiras actuacións, as Pandeireteiras foron, así mesmo, cartel nas festas patronais de Leroño.

Este grupo de música tradicional tamén está formado por compoñentes de máis de cincuenta anos. Malia ao pouco tempo que leva constituído, as integrantes non quixeron deixar de participar na homenaxe que a Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo realiza todos os anos á súa patroa, a Virxe de Fátima.

As Pandeireteiras de Ermedelo
Xota popular

Lumepán

Estamos ante unha cerimonia pagá de gran valor cultural mais tamén espiritual, pois a través do contacto coas forzas da natureza, solicítase a intercesióndas divindades para favorecer as colleitas do trigo e do pan. A cerimonia celebrábase o 30 de abril, data na que o froito do plantío esta xermolado e máis ou menos logrado, desenvolvido mais aínda verde e preparado para a fase de maduración, momento clave na colleita.

Coincidindo coas vésperas da festividade do maio -mes das flores- ao pechar o día, á tardiña baixa, reúnense os veciños do lugar para alumear as colleitas: provistos de fachucos de palla acesos percorren as lides das agras cultivadas para bendicir os campos. No acto de purificación afástanse os posibles males (pestes,bichería, enfermidades...) co gallo de obter unha boa colleita; ao mesmo tempo que se percorren as veigas vanse repetindo unhas oracións coma esconxuros que proporcionarán a protección das colleitas.

Non todo o que acontece nestas cerimonias é por acaso nin feito illado, a entrada da primavera coincide co espertar dos seres vivos, así como co nacemento de milleiros de insectos que, entre outros, se nutren dos cultivos. O feito de manter acesos moitos fachicos xera unha cantidade de fume que dalgún xeito minimiza a presenza dos parasitos neste tempo, actuando como fumigador de pragas, mais de efectividade relativa.

Con todo, rexistramos as variantes dunha mesma oración de esconxuros, con entoacións e melodías semellantes, o que dá mostra da riqueza etnográfica en torno ao tema no municipio roisense.

Oracións de esconxuro
Lumepán

BIBLIOGRAFÍA

Camafeita Longa, Olga Mª. (2001): A música popular en Galicia. Glosario monolingüe, U-Vigo.

Costa Vázquez - Mariño, Luís (1997): A música popular (cap. VIII), en ‘Galicia Antropoloxía’, A Coruña: Hércules.

Dorothé Schubarth & A. Santamarina (1984): Cancioneiro popular galego, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

Fernández Rei, Francisco (1990): Dialectoloxía da lingua galega, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Fidalgo Santamariña, Xosé Antonio (1997): Oficios. Actividades ambulantes tradicionais, en ‘Galicia Antropoloxía’, A Coruña: Hércules.

Fraguas Fraguas, Antón (1995): A festa popular en Galicia, A Coruña: Edicións do Castro.

González Reboredo, X. Manuel & Mariño Ferro, X. Ramón (2010): Dicionario de etnografía e antropoloxía de Galicia, Vigo: Nigratea.

Grobas González, Xavier (1997): El estudio de la música tradicional gallega y el canto tradicional oral (cap. VI), A Coruña: Hércules.

Pardo Bazán, E. ‘La Gallega’ En Polín Gómez, R. (ed.) (1996): Os galegos pintados por si mesmos. A muller tradicional, Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

Pérez Lorenzo, Miguel (1997): Panorámica do instrumental musical popular en Galicia, (cap. VII), en ‘Galicia Antropoloxía’, A Coruña: Hércules.

Sánchez Brunete, Ana & Montero Torreiro, Enrique (1992): Os instrumentos da música popular, Vigo: Ir indo Edicións.

Souto Pico, Manuel (2003): Dicionario terminolóxico da vestimenta tradicional galega e proposta dun sistema de representación conceptual dinámico para a súa consulta onomasiolóxica en liña, U-Vigo.

Universidade Popular de Vigo (1998): Instrumentos musicais populares galegos, Vigo: Edigal.


Créditos

  • Edita: Creade Impresión Digital /A.C.A Regionalista

  • Autores: José Mª Cebeiro Fernández Xosé Francisco Noia Souto

  • Depósito Legal: C 2180-2014

  • Corrección Lingüística: José Mª Cebeiro Fernández A. C. A Regionalista Xosé Francisco Noia Souto

  • Fotografía: Arquivo do Concello de Rois / Arquivo da A. C. A Regionalista

  • Idea orixinal:José Mª Cebeiro Fernández

  • Imprime: Creade Impresión Digital S.C.

  • Colabora e financia: Exclmo. Concello de Rois

  • Calquera forma de reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación desta obra só pode ser realizada coa autorización dos seus titulares, salvo excepción prevista pola lei.

Fonte:

Foliada en Rois "Terriña... A Nosa!" Autores: José María Cebeiro Fernández | Xosé Francisco Noia Souto)